A Comisión Nacional dos Mercados e Competencias acordou, a través de dúas resolucións da súa Sala de Regulación, sancionar a Telefónica con 500.000 euros. En realidade, trátase de dúas sancións relativas a dous expedientes, as dúas sancións de 250.000 euros. No acordo da CNMC, resolto o 28 de xaneiro, indícase que a primeira multa débese a unha infracción “moi grave” da operadora, e responde a “non ter comunicado en tempo e forma á CNMC dúas ofertas de paquetes de banda larga e televisión”. A outra sanción, tamén “moi grave”, ten a súa orixe nun “impedimento do acceso a once números de SMS Premium xestionados por NVIA”.
Máis en detalle, no primeiro expediente a comisión sanciona a Telefónica por non notificar como se esixe nos seus regulamentos as súas ofertas Movistar ADSL e Movistar TV Familiar sobre ADSL (sen chamadas a móbiles desde a rede fixa). “Ambas as ofertas”, sinálase na resolución, “si que estiveron dispoñibles na súa páxina web para a contratación por parte dos seus clientes durante o período no que a CNMC levou a cabo a súa investigación en 2013”. Tamén se recorda que Telefónica, “ao tratarse dun operador con poder significativo no mercado da banda larga, ten a obriga de comunicar á CNMC os prezos e condicións aplicables aos seus servizos cun mínimo dun mes de antelación á súa aplicación ou comercialización efectiva”.
No segundo expediente, a entidade estatal decidiu impor a Telefónica Móbiles unha sanción de 250.000 euros “por impedir o acceso a 11 números de SMS Premium xestionados pola operadora NVIA”. E explica a comisión: “No marco dun conflito entre as dúas operadoras, a CNMC obrigou a Telefónica a través unha medida cautelar a manter o servizo de acceso da numeración SMS Premium desde a plataforma de NVIA ata a resolución do conflito”. Esta medida cautelar esixía a reapertura de 26 números, “dos que Telefónica unicamente abriu 15”, explícase na resolución.
A CNMC sanciona a Telefónica con 500.000 euros
Compartir Este Artigo
