Os Premios Fundetec seguen a recoñecer cousas feitas dende aquí. Se o ano pasado por estas datas falabamos das distincións feitas pola fundación Fundetec á Deputación de Pontevedra e a asociación galega AGESTIC, agora (nesta nova edición dos galardóns) é a quenda das aplicacións da Xunta para o eido do emprego e a educación, Mobem e Abalarmóbil. Ámbalas dúas ferramentas atópanse entre a ducia de finalistas da IX edición dos premios. A candidatura da Administración autonómica compite na categoría de Mellor Proxecto de Entidade Pública para a Cidadanía. Lembrar que estas dúas aplicacións inauguraron o espazo Xunta de Galicia, creado o ano pasado nas distintas plataformas móbiles do mercado para que os cidadáns teñan un punto único de acceso ás aplicacións da Administración.
Mobem, como recordaremos, diríxese a posibilitar de forma sinxela e non presencial a realización daquelas xestións que non requiran a atención personalizada dun traballador do Servizo Público de Emprego de Galicia. Permite aos usuarios renovar a súa demanda de emprego desde o móbil, consultar en tempo real se son convocados a unha cita para a orientación laboral; se foron seleccionados para participar nun curso de formación; ou se, por exemplo, se atopan entre os candidatos dunha oferta laboral. Mobem está dispoñible para sistemas operativos IOS (equipos Apple), Android, RIM (Blackberry) e WindowsPhone.
Pola súa banda, AbalarMóbil permite aos pais seguir a actividade educativa dos seus fillos desde o seu smartphone. As familias que descarguen a aplicación poden consultar desde o seu dispositivo móbil as cualificacións dos cativos, consultar e xustificar as faltas de asistencia, as faltas de conduta, os horarios e as materias, así como os avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo. A aplicación está dispoñible para os sistemas operativos IOS, a través da Apple Store e Android, desde a Play Store. Está operativa en 13 centros educativos e obxectivo é implantala de xeito progresivo ao longo deste curso en todos os centros Abalar.
Premios Fundetec
Os premios Fundetec 2013 renovaron nesta edición as súas categorías para adaptalas á sociedade actual e dar cabida a novos actores e tipos de proxectos, co fin de recoñecer o labor de entidades que facilitan o acceso de cidadáns e PEME ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). As categorías son, Mellor Proxecto de Entidade Non Lucrativa para a Cidadanía,Mellor Proxecto de Entidade Pública para a Cidadanía, Mellor produto ou servizo de microempresa de base tecnolóxica para o aumento da competitividade das PEME e Mellor Proxecto de Entidade Privada para o Fomento da Cidade Intelixente.
Os catro gañadores, elixidos por un xurado composto por personalidades de recoñecido prestixio do ámbito da Sociedade da Información e a innovación, daranse a coñecer durante a cerimonia de entrega de premios, que terá lugar o xoves 20 de febreiro en Madrid e emitirase en streaming vía web a través de www.premiosfundetec.com.
Fundetec é unha fundación público-privada sen arela de lucro cuxo principal obxectivo é contribuír ao fomento da Sociedade da Información en España mediante o desenvolvemento de iniciativas que favorezan o aumento do uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) por parte de cidadáns, PEME e autónomos e administracións públicas, así como a mellora da experiencia do usuario e as súas competencias dixitais.
As aplicacións galegas Mobem e Abalarmóbil, finalistas dos premios Fundetec
Compartir Este Artigo

