AJE Ferroltera, integrada na Confederación Española de Asociacións de Novos Empresarios (CEAJE), vén de informar dunha actividade itinerante arredor das TIC organizada polos integrantes desta entidade (incluída a asociación galega) e pola Comisión Europea e o Foro Europeo de Mozos Innovadores (EYIF). A actividade, coñecida como Xira Europa de Startup, desenvolverase en dez cidades europeas nos vindeiros oito meses. O obxectivo é permitir aos mozos emprendedores e empresarios en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) interactuar, aprender e ser guiados por exemplos a seguir, casos previos de éxito no mercado europeo e internacional que sirvan como puntos de referencia, ou ben, fitos a superar.
A Xira Europea de Startup consiste nunha serie de obradoiros prácticos en Poznan, París, Berlín, Olomouc, Atenas, Londres, Madrid, Bucarest, Lisboa e Budapest, que serán organizados en colaboración cos centros de negocios asociados que o Foro Europeo de Mozos Innovadores ten nos respectivos países. No caso de España, a Confederación Española de Asociacións de Novos Empresarios, CEAJE, acubillará esta xornada informativa. Os resultados dos talleres nas diferentes cidades europeas serán presentados nun evento final en setembro en Bruxelas.
Os obradoiros están dirixidos a estudantes e emprendedores entre 16 e 30 anos de idade que teñan unha idea de negocio ou plan para pór en marcha a súa carreira emprendedora no futuro. Os participantes poderán beneficiarse dunha asesoría de primeira man intercambiando ideas cos casos de éxito. Cada actividade incluirá un apartado especial dedicado a subvencións e axudas para mozos emprendedores dixitais e startups en Europa, como parte do programa Horizonte 2020. O taller de apertura terá lugar o 27 de febreiro en Poznan, onde estudantes e emprendedores uniranse “para compartir a súa visión de futuro”, sinalan os organizadores, que informan que a experiencia dos participantes e relatores será de continuo actualizada na web da xira, a páxina de Facebook e no sitio específico de Twitter baixo #StartupShow.
Os novos empresarios galegos colaboran na Xira Europea de Startup
Compartir Este Artigo
