Os consellos xerais CONCITI (presidido polo galego Marcos Mata) e CCII seguen adiante coa súa loita a prol da regulación no plano estatal, a tódolos niveis, da profesión Informática. O último avance neste eido realizouse esta semana, coa xuntanza mantida polas plataformas coa Comisión do Grupo Popular no Senado para a reforma dos servizos profesionais. No marco da reunión, os Consellos Xerais de Enxeñaría en Informática (CCII) e Enxeñaría Técnica en Informática (CONCITI) expuxeron o que consideran “unha rocambolesca situación normativa da Enxeñaría en Informática e a Enxeñaría Técnica en Informática”. Máis polo miúdo, detallaron as deficiencias normativas actuais respecto ao resto de enxeñarías, e os problemas que iso xera neste ámbito ao que cualifican de “estratéxico para o emprego, a competitividade e o futuro da economía española”.
Lembrar que na actualidade está en tramitación un anteproxecto de Lei de Servizos Profesionais que deixa moitos claroscuros con respecto á valoración que se vai ter das profesións que representan estes consellos xerais, tal e como nos lembraban os colexios galegos dende Ourense en setembro do ano pasado. Para entendérmonos, a Lei deixaría fóra ás enxeñarías informáticas das listaxes de enxeñarías e dos seus recoñecementos e dereitos.
Na xuntanza coa Comisión do Grupo Popular do Senado participaron Jacinto Canales e Juan Pablo Peñarrubia de CCII, Marcos Mata de CONCITI. Na cita, informan os consellos xerais, “senadores e profesionais realizaron unha detallada posta en común da situación de agravio das enxeñarías en Informática en relación ao resto de enxeñarías, constatando que a súa causa non é a vontade de Goberno senón o deixamento lexislativo respecto diso”. Dende o CCII e o CONCITI explicaron aos senadores que a raíz da constitución dos dous consellos en 2010 os profesionais están a impulsar ante o Executivo a necesidade de corrixir “esta anormal situación neste ámbito tan estratéxico para o emprego, a competitividade e o futuro da economía española”, de aí que apelasen á Comisión para que inste ao Goberno a iniciar as medidas de solución normativa neste texto lexislativo “que afecta de maneira horizontal a tódalas profesións”. Entre outras cousas, acordouse que CCII e CONCITI faciliten á Comisión as propostas específicas de melloras normativas tratadas na reunión para a súa posible incorporación á Lei arestora en proceso de tramitación.
Os profesionais tamén lembraron que tanto no ámbito profesional como no ámbito académico da Informática hai consenso sobre a necesidade urxente de corrixir “esta situación”, polo que, como representantes lexítimos dos profesionais das enxeñarías en Informática españolas a nivel nacional e internacional, agardan que por fin se inicie o camiño “da axeitada regulación das actividades e servizos informáticos en España, de importancia tan estratéxica para o futuro do país”.
CONCITI e CCII reúnense co Grupo Popular do Senado para impulsar a regulación definitiva da Informática
Compartir Este Artigo
