Xa está dispoñible para Android e iOS unha nova aplicación para móbiles sobre o Camiño de Santiago. A ferramenta, que é de balde e ofrece información de utilidade aos peregrinos (rutas, albergues, recursos turísticos, monumentos o tempo), foi dada a coñecer este xoves nun acto cos medios de comunicación no que interviñeron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego, e mais o presidente de SEGITTUR, Antonio López de Ávila. Por certo que esta última entidade foi a responsable do desenvolvemento desta aplicación, denominada Camino de Santiago en Galicia.
A ferramenta materializouse ao abeiro dun acordo de colaboración entre o dito Ministerio e a Xunta, co fin de impulsar a ruta xacobea domo Destino Turístico Intelixente. O obxectivo é “xerar experiencias turísticas integrais”, informouse hoxe.
A aplicación, máis polo miúdo, contén datos sobre a dificultade das etapas e canto tempo tardaremos aproximadamente en percorrelas. Achega datos sobre as festividades que ten máis a man o peregrino, conta con compás e información sobre a situación climática vindeira, amais de conexión directa co 112. Ademais, en caso de acontecernos algún incidente, mediante esta ferramenta os servizos de urxencia saberán onde nos atopamos con exactitude.
A app sobre o Camiño tamén se dirixe a converter aos peregrinos en creadores de contidos. Nun principio, só ofrece información do Camiño Francés en inglés, español e francés (agardamos que axiña se engada a nosa lingua e teñamos en consecuencia un recurso cen por cen completo e coherente con respecto ao Camiño). Porén, é de balde non achega a necesidade de estarmos conectados a Internet. Por certo que a través da aplicación tamén podemos acceder a recursos multimedia e compartir contidos nas redes sociais, así como valorar estes recursos a través dun sistema de check-in e puntuación con estrelas. A aplicación inclúe información sobre nove etapas en Galicia: o Cebreiro-Triacastela; Triacastela-Sarria (por San Xil); Triacastela-Sarria (por Samos); Sarria-Portomarín; Portomarín-Palas de Rei; Palas de Rei-Melide; Melide-Arzúa; Arzúa-O Pedrouzo (O Pino); O Pedrouzo (O Pino)- Santiago.
Dispoñible unha nova aplicación con datos de utilidade para peregrinos a pé do Camiño
Compartir Este Artigo
