Este luns toca falar de máis eAdministración na nosa terra. Máis polo miúdo, o tipo de eAdministración que fai máis doado e áxil o traballo dos empregados das institucións públicas. Segundo nos conta a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, o seu acordo asinado e o Colexio Oficial de Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación da Coruña, xa comezou a dar froitos. De feito, a partir de xa e en virtude desta colaboración, os concellos da provincia xa poden consultar en liña os visados tramitados polo COAATIEAC.
Os concellos interesados en acceder a este servizo, engade AMTEGA, teñen que solicitar ao colexio un usuario e un contrasinal que lles permitirá acceder, a través da web da entidade profesional, aos diferentes tipos de expedientes tramitados pola entidade, desde proxectos, direccións de obra, legalizacións, coordinacións de seguridade e saúde, proxectos de actividade, informes, certificados ata taxacións ou peritaxes. A axencia tamén lembra, para facernos unha idea do alcance desta iniciativa, que en 2012 o COAATIEAC tramitou máis de 6.600 expedientes.
“Esta medida”, explica AMTEGA, “facilita e axiliza o traballo dos técnicos municipais que poderán comprobar desde o seu posto de traballo a autenticidade e situación dos documentos entregados en papel polos cidadáns”. Ademais, nos casos nos que a tramitación se tiverse realizado en formato dixital, este novo servizo permitirá ao persoal do Concello consultala e descargala en formato electrónico. “O único requirimento é dispor de ordenador e conexión a Internet”, engádese.
Por certo que AMTEGA pon á disposición dos concellos o acceso a este servizo desde www.eidolocal.es, o portal de referencia para o acceso aos servizos que se prestan dende a Xunta de Galicia e en colaboración con outras entidades e organismos ás entidades locais. Desde o portal tamén se difunde a iniciativa explicando en que consiste o servizo e trasladando ao colexio as consultas que formulen os usuarios sobre o servizo. “Eido local ten rexistrados máis de 3.600 usuarios e unha media de 34.000 visitas mensuais no último ano”, informa a axencia.
AMTEGA e os arquitectos técnicos da Coruña achegan aos concellos da provincia acceso en liña aos visados
Compartir Este Artigo
