Se podemos facer tantas cousas en liña, mesmo traballar, como non poder facer un cambio da nosa casa con axuda dun computador con acceso á Rede? Isto precisamente, darlle unha volta ao noso fogar ou facer habitable (e ao noso gusto) unha vivenda nosa é o que nos propón o servizo Letsdecco.com, un proxecto de decoración en liña desenvolvido por mans galegas e que achega, entre outras cousas, móbeis de deseño “a prezos accesibles” e asesoramento de balde en liña da man dun decorador persoal. A idea básica do equipo responsable deste servizo (Teresa Gonzalo, Caroline Wakefield e a galega Sandra de Benito) é “democratizar o eido da decoración”.
Ou sexa, pór ao alcance de calquera de nós a posibilidade de amosarlle a nosa casa a un profesional do deseño de interiores. Por certo que o fogar Letsdecco.com está estes días atarefado co seu propio proceso innovador. Máis polo miúdo, coa presentación dunha liña de estilo rústico para os meses de un inverno que se prevé longo.

Letsdecco.com é unha empresa-servizo posta en marcha por un grupo de mozas emprendedoras especializadas no deseño de interiores, a decoración e a mercadotecnia en liña. A súa arela estivo clara dende moito antes da posta en marcha do proxecto: querían que calquera casa tivese a posibilidade de obter os beneficios da contratación dun deseñador de interiores pero sen desembolsar un só euro. Para podermos tirar partido deste recurso gratuíto, informan, “só é preciso unha inscrición e en cinco pasos estaremos xa en disposición de ser asesorados por un profesional que nos axudará a atopar inspiración para a nosa casa”. Estes cinco chanzos son os seguintes: elixir o estilo de móbiles e decoración que nos gusta, indicar a estancia para a que precisamos inspiración, seleccionar orzamento, achegar provincia ou país e, por último, subministrar correo electrónico. “En poucos días”, sinalan as creadoras deste servizo, “recibiremos a proposta cunha selección de móbeis listos para pedir e recibir no noso domicilio”.
Amais de ser un servizo económico de decoración personalizada, Letsdecco tamén é “unha incubadora de inspiración”, tal e como o describen Teresa, Caroline e Sandra. Máis polo miúdo, estamos ante unha casa dende a que saen e entran todo tipo de ideas. Segundo nos contan, “estamos ante un lugar de inspiración onde podermos atopar deseños e decoración ao noso gusto, ademais dunha comunidade na que compartir esas imaxes que nos gustan”.
Letsdecco.com, un servizo de raizame galega dirixido a democratizar a decoración do fogar
Compartir Este Artigo
