En achegas recentes, tanto dende a nosa web como dende a nosa revista en papel, avanzamos unhas cantas liñas do proxecto galego Videoguard, un sistema de videovixilancia intelixente para a prevención e persecución da pesca e do marisqueo ilegal na nosa costa. Daquela fixemos mención dun dos puntos máis interesantes do seu desenvolvemento, o feito de que estean participar no proceso varias empresas, centros de investigación e entidades públicas da nosa terra. Porén, queremos darlle continuidade a este punto e achegar as perspectivas de tódolos participantes, amosando o seu punto de vista e informando de cadansúa achega no proxecto. Bastet é unha das empresas que están a pór en xogo a súa experiencia na consecución e aplicación de Videoguard.
Bastet Enxeñaría, firma emprazada en Vigo, centra unha boa parte da súa actividade no desenvolvemento e aplicación de sistemas de seguridade, servizos de telecomunicacións e traballos propios de investigación e deseño. Ten subministrado tecnoloxías de seu a empresas punteiras do noso tecido produtivo, como por exemplo os Estaleiros Barreras (sistemas de videovixilancia que ofrecen cobertura ás súas áreas de meirande sensibilidade) ou á CRTVG (infraestruturas de seguridade con integración de cámaras IP). Falamos agora con Fernando Alonso, director xeral de Bastet, para que nos fale de primeira man da contribución da súa compañía ao proxecto Videoguard.
–En que consiste exactamente a contribución de Bastet?
-A nosa tarefa céntrase sobre todo no sistema de almacenamento de vídeo. En concreto, na captura de requisitos, deseño e integración das seguintes funcionalidades: por unha banda o almacenamento dun histórico de metadatos de eventos xerados polas bibliotecas de análises, todo de forma eficiente e de xeito que se permita a recuperación rápida e áxil da información; por outra banda falamos da funcionalidade do almacenamento de vídeo indexado de alta resolución, de maneira que permita o acceso rápido a intres concretos da gravación e a secuencias de vídeo asociadas a eventos.

-Sen dúbida este proxecto pon de manifesto que a razón de ser da tecnoloxía é dar resposta a unha necesidade. En canto á aplicación concreta de detección de pesca e marisqueo furtivo identificouse unha necesidade real non cuberta por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, que pode ser razoablemente extrapolada a outras comunidades autónomas, tanto en zonas costeiras como en parques naturais, así como a nivel internacional. Esta necesidade vén determinada fundamentalmente por un obxectivo de mellora da vixilancia co persoal dispoñible. En Galicia, a prevención e persecución do furtivismo implica vixiar 122 portos pesqueiros, nos que teñen base da orde de 5000 embarcacións de pesca, das cales preto do 90% están dedicadas á pesca de baixura. Supón ademais facer seguimento dunhas 400 praias dedicadas ao marisqueo.
Para acometer estas tarefas, a Consellería emprega a 126 vixiantes costeiros, un número claramente insuficiente para a envergadura da tarefa, que dificulta o control e seguimento de cada porto, zona de pesca ou praia de forma continuada. En quendas de tarde ou noite, o persoal total dedicado á vixilancia é só un 20% do total dispoñible. Aínda que o persoal de vixilancia está dotado dos medios técnicos de aviso e o desprazamento ata o lugar onde se producen as incidencias, a velocidade de resposta está frecuentemente por debaixo do que sería ideal. Doutra banda, as denuncias falsas ou irrelevantes son comúns, e mesmo chegan a utilizarse como manobras de distracción por parte dos furtivos. Ademais, cada vez máis os furtivos están organizados para vixiar e evitar ao persoal de costas. Finalmente, aínda cando o persoal de vixilancia chega a tempo para deter ao furtivo, adoita carecer de evidencias que permitan que as denuncias interpostas prosperen.
-Que beneficios lle vedes a este tipo de colaboración, neste caso concreto financiada con Fondos Innterconecta? Como valorades este xeito de traballar?
-Os beneficios son evidentes, xa que a colaboración permite diversificar a Investigación e o Desenvolvemento e optimizar recursos e potencialidades doutras empresas. Por outra banda, a Bastet vaille posibilitar afianzar aínda máis a súa especialización en sistemas de seguridade.
-Respecto aos Fondos Innterconecta, que oportunidades considerades que abren?
-Sen dúbida para nós permiten abordar dende o punto de vista financeiro proxectos de I+D que non serían posibles sen estes fondos, xa que os orzamentos que cada ano dedicamos ao desenvolvemento de I+D non o permitiría.
Bastet envorca a súa experiencia en sistemas de almacenamento de vídeo no proxecto Videoguard contra o furtivismo
Compartir Este Artigo
