Se hai algúns días falabamos da incidencia do programa Reacciona coas TIC na Mariña de Lugo, agora é a quenda do sur da provincia, cuxo estado de cousas en relación ao dito programa de fomento tecnolóxico foi avaliado este xoves en detalle pola Deputación Provincial. Máis polo miúdo, pola deputada de Economía, Pilar García Porto, que se reuniu cos responsables das empresas adheridas ao dito proxecto de inclusión dixital das PEME, empresas entre as que se atopaba, por exemplo, a iniciativa inmobiliaria de Chantada Arias Lence. Segundo lembrou García Porto, o programa está dotado con 200.000 euros financiados nun 80% por fondos europeos. Tamén sinalou que no sur da provincia emprázanse 30 das 150 firmas que se benefician de Reacciona coas TIC.
Estas recibiron de balde, ata o de agora, 200 ferramentas tecnolóxicas encamiñadas a aumentar a súa competitividade. O programa permitiu a un total de 30 empresas da zona sur da provincia acceder ó uso de software e formación gratuíta que o organismo provincial puxo á súa disposición “a custe cero”. Empresas e autónomos de Monforte de Lemos (7); Sarria (9); Chantada (4); Palas de Rei (2); Taboada (2); Pantón (1); Samos (1); Sober (1); Quiroga (1) e Paradela (1), accederon a este paquete de ferramentas tecnolóxicas tras ser avaliadas previamente por técnicos da Deputación, que estudaron cada caso para detectar posibles deficiencias e, tamén, as súas necesidades específicas en materia TIC. De feito, sinala a Deputación, é unha realidade evidente que cada firma teña unhas demandas concretas de seu, e máis tendo en conta que no grupo de empresas participantes do sur de Lugo hai iniciativas do máis variado: de servizos enerxéticos, de transformación de madeira ou de construción ata establecementos de turismo rural, de alimentación ou mesmo clínicas dentais.
O programa Reacciona coas TIC chegou a 30 empresas do sur de Lugo
Compartir Este Artigo
