Temos novo estudo do observatorio OSIMGA sobre o noso estado de cousas TIC en cuestión de empresas e traballadores, logo da interesante investigación achegada este pasado setembro na que se indicaba que os galegos somos os quintos na clasificación estatal de empresas do sector e do estudo de xaneiro no que se daba conta da moi mellorable situación dos nosos autónomos con respecto ás ferramentas e servizos dixitais. Precisamente o novo estudo de OSIMGA volve incidir na cuestión dos traballadores por conta propia, pero centrándose desta volta nos autónomos TIC, un colectivo que abrangue a 3.346 persoas que representan o 22,1% do total de traballadores do sector tecnolóxico-dixital. No estudo sinálase que case a metade cre que cadansúa empresa atópase en fase de consolidación.
Asemade, o observatorio informa que o 60% dos integrantes deste colectivo centra a súa actividade profesional na reparación de equipos informáticos e na edición de programas informáticos e videoxogos. En segundo lugar, cunha porcentaxe do 28,3% están os que se dedican a actividades informáticas, portais web e procesamento de datos. As actividades comerciais TIC empregan ao 7,5% dos autónomos e as de telecomunicacións ao 3,1%.
“En termos xerais”, explicase no informe, “nos últimos tres anos obsérvase un incremento dos autónomos do sector que desempeñan actividades comerciais ou actividades informáticas, explotación de portais web e procesamento de datos; e as cifras tamén amosan que persiste aquí coma noutros tecidos produtivos a tamén a fenda de xénero, xa que as mulleres representan o 29% dos autónomos TIC”.
O informe en cuestión chámase Os autónomos TIC de Galicia e como dixemos vén da man do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Trátase, sinala a axencia, do primeiro estudo específico que se realiza entre os traballadores por conta propia do tecido tecnolóxico-dixital galego e que ponde manifesto unhas boas doses de optimismo por parte dunha parte importante dos enquisados. De feito, preto do 45% estima que o sector tecnolóxico atravesará unha situación expansiva ou de estabilidade nos próximos tres anos”.
A investigación tamén apunta a que un 45,4% dos integrantes deste colectivo estaría interesado en formarse en tecnoloxías, preferentemente en bases de datos, infraestruturas TIC como servidores ou almacenamento, seguridade informática e protección de datos, e administración de sistemas e sistemas operativos. Tamén se observa un incipiente interese por formarse en modelos de negocio baseados en computación na nube. O estudo amosa asemade a capacidade de innovación entre os autónomos TIC galegos, “xa que un 21,2% innovou en bens novos e un 15,2% apostou pola innovación dos seus servizos”.
Igualmente póñense manifesto cousas a ter en conta e que caen de cheo no eido de parámetros mellorables, como por exemplo o feito de que o afianzamento das aplicacións para a xestión estea por debaixo do que amosan as sociedades TIC, “con máis de 20 puntos de diferenza no caso da sinatura dixital e na xestión administrativa de compras e vendas e a máis de 10 puntos no caso do envío da factura electrónica”. No que atinxe á súa presenza en Internet, unicamente o 44,4% dos autónomos TIC galegos ten páxina web, valor moi inferior ao das sociedades TIC (83%). As razóns principais para non dispoñer de web son: a percepción da falta de demanda derivada do tipo de actividade e a falta de recursos para creala e mantela.
Respecto ao uso do comercio electrónico, dous de cada tres autónomos TIC empregaron Internet para a compra de bens ou servizos e só un 13,7% empregou a Rede para realizar vendas. A metade dos enquisados non venden a través de Internet porque consideran que os seus produtos non son axeitados para a venda a en liña.
Un estudo de OSIMGA reflicte o optimismo dos nosos autónomos TIC con respecto ao medre das súas iniciativas
Compartir Este Artigo
