
Con estas historias únicas os nenos poden aprender de maneira lúdica xunto aos seus profesores e desenvolver capacidades como: a linguaxe oral, o pensamento creativo e a creación de secuencias espazo-temporais. A iniciativa incorporouse xa en varias escolas e centros españois para potenciar o desenvolvemento formativo dos seus alumnos grazas á combinación de lecer e aprendizaxe da man dos contos clásicos de sempre. Asemade, vén de crearse un grupo de traballo coa asociación TADEGA (Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega) de cara a achegar pictogramas á aplicación.
Segundo a opinión de expertos en educación especial -é o caso de de Feliciano Couto, mestre de educación especial do centro Nosa Sra. de Lourdes- “cos mozos con diversidade funcional cos que probamos CreAPPcontos, a actividade está bastante apoiada polo titor, terapeuta ou familia, pero é esta interacción entre neno-adulto a que posibilita situacións de aprendizaxe, autonomía e creatividade. Agora son eles os que poñen as normas”.
Cómpre subliñar un aspecto ben importante desta aplicación, pois está a axudar a mellorar a autoestima e autonomía de moitos nenos, sobre todo daqueles con autismo. O feito de que eles poidan ser protagonistas a través da creación de historias propias fai que as tarefas que leven a cabo nos centros non sexan tan pasivas como unha aprendizaxe corrente.
Engadir que CreAPPcontos está a ser empregada en centros de educación públicos e privados como ferramenta educativa. A xeito de curiosidade, dicir que a Escola Infantil Monte da Guía foi o primeiro centro público de Galicia en empregar CreAPPcontos.
CreAPPcontos converte en protagonistas do seu propio conto a nenos con diversidades funcionais
Compartir Este Artigo
