
No acto ante os medios participaron o presidente do CCG, Ramón Villares, a vicepresidenta do Consello, Rosario Álvarez, e a poeta e co-editora das ditas cartas María do Cebreiro. Segundo fixo saber Rosario Álvarez, a publicación dixital do epistolario hai que inserilo “nun exercicio de recuperar a memoria e facela presente, así como de crear novo coñecemento”. Tamén lembrou que se trata dun dos proxectos “de máis longo alento” dos que afronta arestora o CCG, tras seren fixados no ano rosaliano de 2013. A colección de misivas pode consultarse xa en liña, en epistolarios.consellodacultura.org. Lembrar tamén que este compendio de cartas constitúe a segunda incorporación dunha colección de correspondencia ao Proxecto Epístolas do Consello da Cultura Galega. Estamos a falar de cartas que Rosalía remite a Manuel Murguía, Eduardo Pondal ou a Ángel Baltar, e que foron editadas polo Centre de la Dona de la Universitat de Barcelona, baixo a dirección de Helena González, María Xesús Lama e María do Cebreiro Rábade Villar.
Pero as actividades arredor da autora de Follas Novas non remataron aí, nin moito menos. Tal e como se pode apreciar na web-axenda da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a listaxe foi longa e renovouse cada día previo, e con toda seguridade terá continuidade os días vindeiros. Puidemos ver de todo: graffitis en centros educativos, recitais e mesmo unha aperta colectiva á poeta. Detrás de boa parte destas actividades colectivas estivo a Fundación Rosalía de Castro, que quixo celebrar o 24 de febreiro (data de nacemento da poeta) da forma máis colectiva e innovadora posible. Por exemplo, convidando a mozas e mozos a facerse autofotos para logo seren publicadas e compartidas nas redes sociais. Para a Fundación, o importante non era só celebrar o 150 aniversario da publicación dos Cantares, senón conectar coas novas xeracións e lanzar a obra de Rosalía cara ao futuro. A actividade, máis polo miúdo, convidou aos participantes a rexistrarse nunha selfie con calquera obxecto ou en calquera lugar relacionados coa obra e vida da poeta (un libro, unha estatua, unha placa, unha camisola) e logo amosalo ao mundo. A Fundación foi publicando ao longo do día de hoxe estas fotografías no Twitter de seu. A etiqueta empregada foi #euRosalía. As autofotos resultaron ser todo un éxito, e a súa procedencia foi do máis variado: mesmo viñeron da man de persoeiros recoñecidos da cultura galega, inmortalizados ao carón dos lugares tocados pola poeta.
O Día de Rosalía acolleu a presentación das súas cartas dixitalizadas e un concurso de autofotos nas redes
Compartir Este Artigo
