O fabricante de aparellos móbiles Nokia lanzou este mércores a nivel estatal unha aplicación dirixida a facer máis doada e completa a comunicación entre as persoas que demandan emprego e as que ofertan postos de traballo. Falamos de JobLens, un servizo que semella verse beneficiado pola experiencia de Nokia en materia de localización e realidade aumentada. De feito, tira partido dos Here Maps do fabricante coma se fosen o seu combustible. Segundo informa Nokia, as buscas de emprego de JobLens pódense facer a través de varios tipos de filtros: por compañía, por palabra crave ou por distancia e banda salarial.
Asemade, achégasenos a opción de ver as ofertas no mapa ou de empregar a realidade aumentada en dispositivos Lumia compatibles. E atención: mesmo se pon en xogo a posibilidade de identificar a outras persoas que traballan na empresa que ofrece o posto de traballo e a través das redes socias.
JobLens inclúe unha combinación de contidos e recursos globais e locais, entre os que se atopan o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), Indeed, LinkedIn, HERE Maps, Kyero.com, Twitter, Facebook e Windows Live. A aplicación, como dixemos, ten xanela aberta ás redes sociais para identificar a amigos e contactos que xa traballan para unha empresa en particular. Noutra orde de cousas, ten a capacidade para achegarnos consellos, axudándonos a axustar os nosos envíos de currículo e centrarnos en aquilo que mellor nos acae. Como é de supoñer, mesmo é quen de guiarnos, a través de Here Maps, ao emprazamento mesmo onde imos participar nunha entrevista de traballo. A aplicación, que foi desenvolvida por Nokia, está dispoñible asemade no Reino Unido, Estados Unidos e Canadá, exclusivamente para smartphones Nokia Lumia.
Nokia lanza unha aplicación para dinamizar o mercado laboral
Compartir Este Artigo
