Tras a xuntanza de hoxe do Consello da Xunta o presidente Alberto Núñez Feijoo anunciou ante os medios o deseño dun novo Plan de Modernización que permitirá consolidar as medidas desenvolvidas dende 2010 cara a unha Administración electrónica plena, para o que establecen un itinerario para seguir afondando na modernización da Administración autonómica para “proseguir co obxectivo de ter unha Xunta máis eficiente, con cada vez menos papeis e aberta as 24 horas, os 365 días do ano. É dicir, unha Xunta máis útil aos cidadáns, menos custosa e que presta máis servizos públicos”.

Este novo proxecto prevé tamén a simplificación do acceso á administración electrónica para incrementar ata os 50.000 os trámites e consultas que se realizan de xeito telemático. Será a través do sistema Chave 365, que permitirá o acceso aos servizos dixitais sen necesidade dun certificado dixital e, para simplificar a xestión das empresas crearase unha plataforma global de subvencións e un rexistro único empresarial.
A consolidación do nodo de interoperabilidade será, tal e como explicou o presidente da Xunta, outra das liñas de acción para os vindeiros tres anos. A implantación en 2011 do portal Pasaxe en todas as consellerías, permite xa eliminar a petición de documentación básica como DNI e o certificado de empadroamento; e o obxectivo é que no 2014 se elimine a petición doutro tipo de información de carácter xeral como o título de familia numerosa, o certificado de discapacidade, datos catastrais, titulacións académicas ou situacións tributarias.
A Xunta pretende pechar 2016 como unha Administración autonómica plenamente electrónica
Compartir Este Artigo
