Seguimos a falar de segundas vidas para os computadores potencialmente desbotables pero en realidade perfectamente rendibles para nosos usos e aplicacións. Se hai uns días falamos do importante traballo (traballo real e traballo normalizador da práctica da reciclaxe) do Grupo de Reciclaxe Informático da Universidade de Vigo (GRUVI) no seu apoio tecnolóxico ás organizacións sen arela de lucro da nosa terra, agora, sen saírmonos da UVigo, é a quenda de dar conta das actividades recentes ao abeiro do proxecto europeo EcoRaee, coordinado pola dita institución académica galega. Segundo se nos conta, dúas ducias de estudantes de Formación Profesional do CIFP A Carballeira (Ourense) participaron este mes na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus da dita cidade en dous obradoiros de reutilización de pezas de ordenadores. Dous obradoiros organizados ao abeiro de EcoRaee.
O obxectivo xeral de EcoRaee, un proxecto Life + de tres anos de duración e un orzamento de 1,26 millóns de euros que se realiza en colaboración con Revertia e EnergyLab, é a caracterización e demostración dun proceso industrial de preparación para reciclar equipos electrónicos, coa finalidade de promover estándares para a transposición da normativa europea e contribuír así a un alto nivel de separación dos aparellos electrónicos e eléctricos, entre o 45% e o 65% nos vindeiros años. “Con estas actividades con alumnado de FP o que quixemos foi compartir con eles a nosa inquedanza pola reutilización do equipamento en desuso, desbotando a idea de ter que mercar outro novo computador, por costume, en canto un aparello deixa de funcionar”, explica Javier Rodeiro, do Departamento de Enxeñaría Informática e coordinador dos demostrativos do proxecto europeo. Na súa opinión, “as pezas de procesado informático e de transformación de corrente poden ser usadas de novo para outras cousas”. E dar a coñecer á comunidade estudantil este tipo de datos, e á sociedade en xeral, é un dos grandes obxectivos de EcoRaee.
Segundo explica a UVigo, os estudantes dos ciclos de Sistemas Microinformáticos e Redes e de Administración de Sistemas Informáticos en Rede do centro da Carballeira participaron en dúas sesións e, nelas, tiveron a ocasión de coñecer polo miúdo o proxecto e as liñas de traballo que se están a desenvolver arestora. Asemade, tiveron a oportunidade de participar directamente, coas súas achegas, nos obxectivos da iniciativa: por exemplo identificando e clasificando compoñentes que proveñen de ordenadores en desuso. Para facelo, tentaron prender computadores completos e se lles faltaba algún compoñente ou estaba avariado substituírono por outro procedente doutros aparellos xa tratados. Logo arrancaron o ordenador desde CD “e seguiron un proceso automático xa establecido para desmontar completamente o ordenador e etiquetar cada compoñente do mesmo”, indicou Silvia Carrera, técnica do proxecto que participou nas sesións celebras os días 19 e 25 de febreiro cos estudantes ourensáns.
Estudantes de Ourense póñense ao día en reciclaxe de computadores da man da UVigo
Compartir Este Artigo
