Para quen queira pasar este Entroido compartindo coñecemento a esgalla, dicirlle que hoxe mesmo abre as súas portas na Facultade de Informática da Coruña a nova edición da party informática FIC OnLAN, que se desenvolve ata o martes 4 de marzo. Serán polo tanto cinco xornadas de intensa actividade arredor da Rede, a programación ou os videoxogos, e todo abordado dende diferentes ópticas e formatos: charlas, obradoiros ou torneos. Segundo informa a organización, “teremos conferencias sobre últimas tecnoloxías, concursos en diferentes eidos (2D, 3D, desenvolvemento de software, deseño gráfico intelixencia artificial, overclocking, etc) e máis unha conexión a Internet envexable para poder sacarlle o máximo partido aos xogos en liña”.
No evento participarán directamente varios centos de seareiros das TIC, os inscritos, e case con toda probabilidade recibirase a visita doutros tantos afeccionados non inscritos que tamén terán a súa oportunidade de entrar en contacto co miolo do coñecemento dixital. Lembrar que en anteriores edicións tense habilitado unha zona aberta ao público en xeral, no andar 0 da Facultade, que pode ter acceso directo a unha boa parte do que se coce na party.
Entre os torneos confirmados nesta nova edición de FIC OnLAN están os relativos aos videoxogos (StarCraft 2: Wings of Liberty, Quake III Arena, Street Fighter IV, FIFA 2014, Buzz! Bajo Presión, UltraStar Deluxe, TrackMania Nations e League of Legends), a RoboCode, deseño 2D, fotografía e programación ofuscada, que xa teñen premios asignados, segundo o que podemos ver nos foros do encontro.
FIC OnLAN 2014 inaugura hoxe as súas cinco xornadas de completas e variadas actividades
Compartir Este Artigo
