Santiago vai acoller entre o 3 e o 6 de abril unha xuntanza dirixida a avaliar as posibilidades de supervivencia da cultura e da súa industria na era das redes sociais e a revolución da información. O congreso Editando para minorías na era dixital centrarase, máis polo miúdo, en estudar os camiños e feituras futuras que adoptará o libro en calquera das súas manifestacións, un produto que loita por atopar o seu camiño nunha era global onde a marxe para as tendencias e as demandas dos mercados miúdos corre risco de estreitarse.
Segundo informan os organizadores, o congreso será “unha oportunidade para debater sobre a situación do libro e da edición en tempos de recambio tecnolóxico e de agromar propostas que redescobren o valor dos produtos artísticos de autor, únicos ou concibidos para esixentes minorías que foxen do estereotipado e comercial”. Desenvolvido polo proxecto internacional campUSCulturae, actualmente mantén aberto o prazo de inscrición e de envío de comunicacións.
Editores, bibliófilos, xestores culturais, escritores, ilustradores, expertos en novas tecnoloxías e deseñadores, entre outros profesionais, daranse cita neste encontro durante o cal se inaugurará a exposición Imprimatur. A conferencia inaugural está previsto que a imparta o ex ministro de Educación e catedrático de Metafísica da Universidade Autónoma de Madrid, Ángel Gabilondo.
Compostela acolle un abril un congreso sobre libros e lectores (minorías) na era dixital
Compartir Este Artigo
