
O proxecto Videoguard, que segundo nos contaron recentemente os responsables deste centro arrancará en breve en dous concellos do litoral galego a través dunha proba piloto, conta cun investimento de 1,8 millóns de euros, financiados con fondos do programa Innterconecta a través da Consellería de Economía e Industria e o CDTI. Co fin de obter máis información sobre Videoguard e ao mesmo tempo máis datos sobre a pegada que vai deixar o dito centro tecnolóxico galego no seu desenvolvemento, tivemos ocasión de falar con Fernando Jiménez Míguez, xerente de Gradiant, e máis cos investigadores Daniel Gonzalez Jiménez e Luís Pérez Freire, coordinadores dos traballos despregados polo centro. Segundo nos contan, a súa achega estase a centrar sobre todo en métodos de análise de vídeo das cámaras térmicas. O seu reto, en boa medida, é propiamente o mar en si mesmo.
–O Centro Tecnolóxico Gradiant é unha das entidades que están a pór en xogo a súa experiencia na consecución e aplicación de Videoguard. En que consiste exactamente a contribución de Gradiant?
-Dende os seus inicios, Gradiant vén seguindo unha traxectoria centrada na transferencia de tecnoloxía TIC ás empresas galegas, aportando capacidade investigadora e innovadora, cunha forte orientación á comercialización. No proxecto Videoguard, a maior contribución de Gradiant céntrase na investigación en métodos computacionais de análise de vídeo das cámaras térmicas para a detección de incidencias que se poidan asociar con casos de pesca ou marisqueo furtivos. Isto ten un gran reto tecnolóxico, debido ás condicións de observación propias desta aplicación, como son a variabilidade da resposta térmica de embarcacións e da superficie do mar, a presenza de fortes ondadas, a baixa resolución a longa distancia, as vibracións da cámara con vento forte, etc. Ademais da análise de vídeo, Gradiant participa en tarefas de deseño e desenvolvemento da aplicación software de xestión, centrándose no software de xestión da análise de vídeo das estacións de vixilancia e na integración co resto de sistemas.

–No proxecto Videoguard a colaboración público-privada está presente en moitos aspectos, empezando polo propio instrumento de financiamento, que combina fondos públicos do programa Innterconecta e financiamento privado achegado polas empresas que integran o consorcio. Por outra banda, a participación dunha empresa pública como é Retegal, poñendo a súa infraestrutura a disposición do proxecto, é imprescindible para o bo resultado do mesmo. Tampouco se pode esquecer o apoio institucional da Xunta de Galicia, xa que se trata dun proxecto apoiado pola AMEGA e a Consellería do Mar, que trasladaron unha necesidade real do Servizo de Gardacostas de Galicia. En definitiva, o proxecto Videoguard vén a xuntar os esforzos dos sectores público e privado por medio dunha colaboración que resulta enriquecedora para ambas partes, e redundará no beneficio da sociedade galega en xeral mediante a preservación da riqueza natural das nosas costas.
-Respecto aos Fondos Innterconecta, que oportunidades considerades que abren?
-Os Innterconecta supoñen unha gran oportunidade para a I+D galega en moitos aspectos. Para empezar, foméntase a colaboración entre empresas, de xeito que se promoven as sinerxias entre sectores dispares ó tempo que permiten abordar proxectos máis ambiciosos. Ao mesmo tempo, incídese na colaboración entre grandes e pequenas empresas, facilitándolles ás PEME o acceso á Investigación e o Desenvolvemento, e axudándolles a establecer relacións comerciais con empresas máis fortes. Pero sen dúbida, os Fondos Innterconecta supoñen sobre todo unha grande oportunidade para a transferencia de coñecemento entre centros de investigación e empresas. Conseguir que os resultados da I+D que se fai en Galicia cheguen aos mercados, de modo que beneficien á economía local e á sociedade en xeral, vén sendo un obxectivo prioritario dende hai anos. No caso concreto do proxecto Videoguard, os resultados previstos teñen potencial para seren exportados a outros mercados no estranxeiro, contribuíndo así ao crecemento real da economía galega a través da innovación.
Gradiant pon a súa experiencia en análise de vídeo e deseño de software ao servizo do proxecto Videoguard
Compartir Este Artigo
