O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este mércores un encontro sobre a incidencia e as posibilidades das novas canles de comunicación entre os medios que abordan temáticas creativas e relacionadas coa nosa identidade e os seus profesionais. A xornada A mediación cultural de Internet dará comezo ás 9.30 horas na sede do Consello e xuntará a un amplo número de representantes do xornalismo cultural co fin de debater acerca das transformacións que están a sufrir no seu día a día con motivo do afianzamento da Internet e o xurdimento de novos proxectos.
Na organización do evento atópanse Xosé López e Manuel Gago, que fan fincapé na pertinencia de reflexionar, aquí e agora, sobre a devandita temática, e máis tendo en conta que “unha significativa parte do público cultural atópase a día de hoxe vinculado a través das redes sociais e publicacións especializadas na Web”. Entre os temas concretos a tratar atópanse as posibilidades tecnolóxicas das redes, as preferencias dos públicos culturais e as posibilidades da Rede para crear medios especializados.
A xornada inaugurarase ás 09:30 horas para deterse nunha mesa redonda marco titulada Sociedade da Información en Galicia. Últimas perspectivas, con Luís A. Álvarez Sestelo, Universidade de Vigo; e Xosé Pereira e Carlos Ferrás (Universidade de Santiago de Compostela). Ás 10.30 h. Manuel González, da Asociación Punto Gal, falará sobre a implementación do dominio .gal previsto para este ano. Tras unha pausa, Pere Masip, da Universitat Ramón Llul (Barcelona), falará sobre a transformación das audiencias e o papel dos usuarios activos en Internet e Diego Barcala, director da revista Libero, falará sobre como facer confluír contidos culturais cos de outros ámbitos temáticos.
Xa pola tarde, o profesor Juan Miguel Aguado, da Universidade de Murcia, falará sobre Contidos culturais e ecosistema móbil: que está cambiando en Internet? para seguir con dúas mesas redondas de reflexión e debater sobre Un novo tempo para a cultura en papel, que contará con destacados periodistas e responsables de sección e outra mesa sobre Unha nova xeira de revistas electrónicas culturais.
O xornalista cultural e a encrucillada das redes, a debate este mércores da man do CCG
Compartir Este Artigo
