Alí onde hai mineiras ou materias primas de interese para as grandes empresas, para que o gran mercado se asegure a si mesmo o crecemento, alí haberá problemas. Semella unha norma que sempre se cumpre, e se a materia prima está en África, entón está claro que haberá un ingrediente extra de explotación, violencia e agresión medioambiental, sempre co apoio de Occidente. O caso do coltan, ese mineral que se usa para os móbiles, é paradigmático e semella non ter solución, mesmo ten provocado graves problemas de escravitude infantil. Outro dos males que xera a guerra arredor da extracción deste mineral (xunto coa casiterita) é a deforestación da selva ecuatorial africana. Dende hai anos, temos ao alcance da man xeitos de contribuír a erradicar estes problemas. Un xeito posible é contribuír á reciclaxe. Dende a UVigo lembran estes días como facelo.
A institución académica galega tamén nos recorda as “nefastas consecuencias” que a extracción dos ditos minerais está a provocar en países como a República Democrática do Congo. Por exemplo: guerras, escravitude, vagas de refuxiados e risco de deforestación e contaminación. E todo isto, en zonas lindeiras ou directamente inseridas nas áreas de protección dos chimpancés e os gorilas, especies arestora en perigo de extinción. Áreas como o Parque Nacional de Kahuzi.
Lembrar que para permitir á comunidade estudantil dos campus da Universidade botar unha man na solución destes conflitos, a Oficina de Medio Ambiente (OMA) colabora dende hai cinco anos cunha iniciativa de reciclaxe de móbiles do Instituto Jane Goodall España, a iniciativa Mobilízate pola selva. Os obxectivos, informa a Oficina, son darlle unha segunda vida aos materiais dos terminais e reducir a demanda de compoñentes coma o coltan ou a casiterita; reciclar elementos útiles e dispor axeitadamente os materias tóxicos para evitar a contaminación do medio. Ademais, preténdese xuntar diñeiro para impulsar iniciativas educativas e divulgativas de conservación e apoio aos habitantes da Conca do Congo, e o labor do Centro de rescate de chimpancés de Tchimpounga. A Oficina informou este martes que segue adiante con este labor, e froito disto é unha nova campaña de recolección e reciclaxe.
Lembrar que durante este curso hai dous colectores fixos, un na residencia universitaria O Castro do campus de Vigo e outro na conserxería da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, e outros dous itinerantes situados na conserxería da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e na conserxería da EE Industrial de Vigo. Neste depósitos, “todos os compoñentes da comunidade universitaria poden depositar os seus móbiles en desuso, en funcionamento ou non, e coa batería posta”, informa a Oficina de Medio Ambiente.
A UVigo informa que segue adiante, intensificándoa, a campaña solidaria con África de recollida de móbiles
Compartir Este Artigo
