Os responsables da web de rutas costeiras galegas caminodosfaros.com (rutas centradas sobre todo na Costa da Morte) veñen de someter á páxina a unha serie de actualizacións. Os traballos non só se limitaron a engadir novos contidos e renovar os que xa había, senón que tamén se centraron en darlle un novo aire ao sitio web, moito máis directa e con tódolos elementos dispostos para que o camiñante que se bote aos nosos vieiros e corredoiras non teña nada máis na pantalla que eses vieiros e corredoiras.
A renovación, informan, responden ao inxente material informativo (impresións dos camiñantes, fotografías, datos sobre rutas) amoreado durante as diferentes edicións do Camiño dos Faros, que son as quedadas sendeiristas que se organizan dende a web.
A información xerada tras as edicións deses percorridos colectivos é como para ter en conta: 200 quilómetros detallados, oito etapas, 130 puntos clave, 3.000 fotografías, itinerarios, mapas, perfís, vídeos, etc. Segundo nos contan os responsables desta web-comunidade de camiñantes, tódolos datos acumulados están agora á vista e estruturados de tal xeito que “mesmo poidamos facer unha viaxe virtual polo Camiño dos Faros e sen saír da nosa casa”. Por certo que a hospedaxe da nova web está patrocinada pola firma de Santiago Dinahosting.
A web caminodosfaros.com amosa nova feitura e contidos
Compartir Este Artigo
