Susana Ladra, vicedecana da Facultade de Informática da Coruña (FIC) e recentemente recoñecida polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co Premio Ada Byron (un galardón destinado a salientar e facer visible a participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía), obtivo os días pasados unha nova distinción polo seu labor a prol do devandito: informar á sociedade enteira de que as mulleres crean, desenvolven, divulgan e ensinan redes e novas tecnoloxías. A nova distinción veu da man da Xunta, con motivo do Día Internacional da Muller.
O Goberno galego destacou a traxectoria de Susana Ladra xunto con sete mulleres galegas máis referentes en cadanseu eido de actividade. A vicedecana recibiu os parabéns dos seus colegas de profesión (as/os integrantes do CPEIG) e destacan que a Xunta recoñecera a unha muller enxeñeira en Informática como referente para toda a sociedade galega.
O acto de recoñecemento tivo lugar no Gaiás baixo a presidencia de Alberto Núñez Feijóo. As outras mulleres homenaxeadas foron a actriz Teté Delgado; a gaiteria Susana Seivane; a campiona olímpica Sofía Toro; a comunicadora Irene Lamas; a fundadora da produtora Vaca Films, Emma Lustres; a cociñeira Beatriz Sotelo; e a xerente da Granxa Maruxa, Marta Álvarez.
Lembrar que Susana Ladra (Santiago de Compostela, 1984), residente na cidade da Coruña, é enxeñeira e doutora en Informática pola Universidade da Coruña. Actualmente é profesora contratada doutora na Facultade de Informática da Universidade coruñesa, onde tamén ostenta o cargo de vicedecana de Organización Académica. Durante a súa etapa de estudante, foi galardoada co Primeiro Premio Nacional de Fin de Carreira de Enxeñaría Informática do Ministerio de Educación, co Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade da Coruña e co Premio á mellor tese doutoral no campo da Recuperación da Información, outorgado pola Sociedade Española de Recuperación da Información.
Susana Ladra, recoñecida con motivo do Día Internacional da Muller
Compartir Este Artigo
