Telefónica anunciou este xoves oficialmente a súa alianza con McAfee, un acordo que como se pode supoñer, tendo en conta a experiencia da segunda das compañías (un clásico da seguridade informática), vai dirixida a poñer un extra de protección nos servizos da operadora. Máis polo miúdo, este extra colle corpo a través do software Multi-Access (MMA) de McAfee, a disposición dos clientes de Movistar que queiran salvagardar de mans alleas as súas comunicacións e os seus smartphones, tablets, PC e aparellos Mac. Ademais, a ferramenta en cuestión presentouse coma un parapeto firme contra os riscos de perda de información, por outra banda cada vez máis visibles, fixeron saber ámbalas compañías.
“O servizo de seguridade de McAfee con Movistar”, informouse, “permite aos usuarios conectarse a Internet con confianza para salvagardar os seus datos e as súas identidades ata en cinco dispositivos, ademais de protexerlles contra as ameazas do malware e o cibercrime”. Máis polo miúdo, o paquete de software en cuestión fornece “protección antivirus 24×7 e unha procura web segura que bloquea as ligazóns con riscos, como por exemplo os de suplantación de identidades”. Por outra banda, se perdemos o dispositivo ou nolo rouban, poderemos rastrexar e bloquear o aparello ou ben borrar a información persoal de forma remota “e coa seguridade de que eses datos poderemos restauralos a outro dispositivo”.
Segundo fan saber as compañías, o acordo responde a unha demanda xeral de seguridade que non para de medrar, unha demanda que tamén reclama simplicidade e facilitade de uso e de acceso. Para corroboralo, lembraron unha enquisa realizada en 2013 na que se achegaba o dato de que o 75% dos consumidores españois están interesados “nunha solución compartida entre todos os seus dispositivos”.
Telefónica ofrecerá software de McAfee aos seus clientes
Compartir Este Artigo
