A medida que o tecido empresarial innova, mudan e evolucionan non só os seus produtos e servizos, senón o xeito de dar forma a eses produtos e servizos. Trátase dun proceso no que a tecnoloxía non é un fin, senón tamén un medio. Para o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, o CNTG, o resultado de todo isto son desenvolvementos mellores e máis competitivos. Ademais, coa vantaxe de que os ditos procesos de metodoloxías áxiles poden ser aplicados a tódolos sectores, non só aos relacionados de xeito máis estreito con estas metodoloxías (os relacionados co software). O seminario sobre xestión de proxectos con metodoloxías áxiles (xestión tradicional versus xestión áxil) que prepara o Centro para o vindeiro 11 de abril será unha boa oportunidade para actualizármonos nestes conceptos.
A cita desenvolverase con horario de 9:30 a 13:30 horas e centrarase en amosar as vantaxes de integrar no seo da nosa empresa as ditas metodoloxías e tamén no carácter universal que poden adquirir estas metodoloxías. De feito, segundo informa o CNTG, “existen a crenza de que estes procesos só serven para desenvolver software, pero a realidade é que van máis aló e que ao seu abeiro hai principios, técnicas, marcos de traballo etc … que poden aplicarse a proxectos de desenvolvemento pero tamén a outros tipos de traballo e tarefas en diferentes contornas e sectores e que nos permiten escoller que aplicar en cada situación segundo a tipoloxía do produto que estamos a crear, segundo o equipo do que dispoñemos, etc”.
Durante a xornada verase polo tanto a diferenza entre a xestión tradicional e a xestión áxil, facendo un repaso de cada unha delas e coñecendo as principais técnicas áxiles (Scrum, Kanban, Visual Management, Lean…) e cando e como aplicalas.
O relator da xornada será Miquel Rodríguez, director de formación da empresa NetMind e con ampla experiencia no eido da formación e a consultoría. Miquel Rodríguez é enxeñeiro en informática de sistemas pola UAB e ten realizado un máster en IT Management e un Executive MBA pola Universidade de La Salle. Está en posesión das principais certificacións en xestión de proxectos e gobernanza, entre elas, PMP, Prince2 practitioner, ITIL, CSM e SAFe Certified.
O acceso ao seminario, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local.
O CNTG organiza un seminario sobre as múltiples vantaxes de aplicar metodoloxías áxiles nos proxectos
Compartir Este Artigo
