O filme de Veronica Mars non só vai facer historia por ser unha realidade grazas a unha campaña de micromecenado en Kickstarter, resucitar unha serie de televisión cancelada grazas ao entusiasmo dos seareiros e ofrecerse en España a través de streaming coincidindo coa estrea nos cines norteamericanos (ignorando as impopulares fiestras de explotación), senón que tamén vai converterse nun exemplo máis do mal que recibe o público os sistemas de protección de moitos contidos audiovisuais, xa que os usuarios/mecenas que non tiñan o filme en ningún dos cines próximos á súa vivenda atoparon que a versión dixital á que podían acceder a través de Flixster/UltraViolet resultaba imposible de reproducir en moitas ocasións.

Esta lección debería ensinar aos estudios cinematográficos a escoitar ao seu público, pois intentar impor unha plataforma de distribución propia pode resultar moi prexudicial, especialmente a nivel de imaxe, pois os comentarios que puideron lerse en redes sociais sobre este incidente podían ilustrar claramente o malestar causado, e degradar a confianza no mecanismo de distribución dixital empregado. Podemos citar exemplos como o de Christopher Whitaker, quen dixo que “nunca escoitar nada de Flixster antes da descarga de Veronica Mars. Agora entendo porque nunca o fixera”; ou Bob Ippolito que asegura que “estiven media hora tentando descargar unha copia lexítima de Veronica Mars para vela no televisor con Flixter. So levou 7 minutos roubala”. Cando piratear é máis cómodo e doado que adquirir un produto legalmente (neste caso algún usuario tivo que darse de alta en 3 servizos á vez para poder reproducir o filme no seu televisor) resulta evidente que algo está a fallar no sistema.
En contrapartida temos outra información interesante para os creadores que financian os seus filmes a través de Kickstarter, pois a tenda de películas de iTunes, baixo a categoría de Independentes, vén de crear unha colección para filmes financiados en Kickstarter, o que fará que este tipo de obras sexan máis doadas de localizar, o que contribuirá a darlles visibilidade.
O sistema de distribución dixital do filme de Veronica Mars provoca frustración aos seus mecenas
Compartir Este Artigo
