Telefónica vén de estreitar a súa alianza coa multinacional Samsung no camiño de converterse en distribuidora autorizada do innovador servizo de seguridade da segunda das compañías, a solución Knox de protección móbil. A través da ampliación deste acordo, a operadora incluirá esta ferramenta de Samsung no seu catálogo de servizos de seguridade para empresas. En palabras da compañía española, “isto posibilitará unha oferta máis completa de protección nos ámbitos persoal e de traballo para empresas e empregados”.
O anuncio chega xusto despois da presentación da versión 2.0 de Knox en Mobil World Congress, o mes pasado. Na feira catalá fíxose fincapé no potencial desta nova achega para “permitir aos traballadores dunha corporación separar de xeito doado a contorna persoal da profesional nos seus dispositivos, á vez que se fornece ás compañías de maior seguridade a tódolos niveis na plataforma Android”.
Estes clientes profesionais poderán gozar das capacidades de seguridade melloradas de KNOX nunha ampla gama dos últimos dispositivos de Samsung, como por exemplo o Galaxy S4, o Galaxy Note 3 ou o Galaxy Note 10.1 (edición 2014).
Lembrar que Samsung Knox lanzouse en 2013 como “unha solución empresarial segura sobre a devandita plataforma de Google e lista para potenciar os novos dispositivos da marca Samsung Galaxy”. O servizo Knox foi deseñado “para fortalecer sistematicamente a Android, aproveitando o mellor hardware para proporcionar o nivel de seguridade requirido polos clientes”, informou daquela a empresa responsable do seu desenvolvemento.
Telefónica distribuirá a solución de seguridade de Samsung para Android
Compartir Este Artigo
