Esta fin de semana que se achega haberá reflexión sobre o potencial empresarial e innovador das novas ferramentas informáticas, si ou si. E, ademais, este debate e esta aprendizaxe darase ben preto. Falamos de A Coruña Goes for Lean, un obradoiro práctico para pór en marcha ideas de negocio innovadoras facendo uso da metodoloxía Lean Start-Up, non limitándose o obradoiro á teoría senón a favorecer unha aplicación real baseándose na idea de aprender facendo e contando con mentores de luxo durante o proceso. A actividade vén da man de AJE A Coruña, Zarpamos e NadieLabs. Celebrarase no Colexio Oficial de Arquitectos da Coruña (anfitrioa do evento), do venres ao domingo, contando co apoio de Cowoco, Lance Talent e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG.
A Coruña Goes For Lean divídese en varias fases: Creative Start & Pitch Ideas (selección de ideas e equipos innovadores), proposición de valor e saída do edificio (descubrir clientes e realizar propostas de valor), modelo de negocio (deseño e proba do negocio), experimentos e PMV (validar e prototipar o negocio) e Presentacións & Investor’s Challenge (como presentar o proxecto a un xurado).
Segundo nos conta o CPEIG, os asistentes aprenderán a coñecer se a idea de negocio vai funcionar, como entrevistar a clientes para saber o que queren, elaborar produtos e servizos innovadores que non poidan rexeitar os usuarios, deseñar modelos de negocio estables e que xeren ingresos recorrentes e metodoloxías para aplicar de maneira práctica a forma de emprender das start-ups de Silicon Valley, entre outras cuestións. Haberá un premio para cada un dos equipos que reciba unha mención especial na rolda final.
Como dixemos, o evento está organizado por Óscar Valcuente, presidente de AJE A Coruña, Manuel García, CEO de Zarpamos, e Roberto Touza David, fundador de NadieLabs. Conta co apoio de Cowoco e Lance Talente.
As claves de impulsar unha idea innovadora, ao detalle no obradoiro A Coruña Goes for Lean
Compartir Este Artigo
