Dende Emprendia (coordinada pola USC) contan que xa está aberta a convocatoria para a vindeira Spain Tech Week, un evento que terá lugar en Seattle e máis Silicon Valley (os centros de operación tradicionais da actividade tecnolóxico-dixital dos Estados Unidos) e que servirá de oportunidade ás empresas españolas que teñan produtos e servizos que amosar ao mundo. Máis polo miúdo, produtos e servizos que expor no mercado dun país que, queirámolo ou non, segue a pintar moito neste ir dándolle forma á sociedade dixital. Podemos inscribirnos ata o 1 de abril.
Lembrar que a Spain Tech Week está especialmente deseñada para empresas estatais de alicerce tecnolóxico e investidores que queiran ampliar a súa actividade nas devanditas áreas xeográficas de tan marcada vertente TIC. De feito, a viaxe completarase cunha visita a algunhas das empresas máis punteiras dende o punto de vista tecnolóxico con sede en Seattle.
O obxectivo é impulsar o coñecemento da tecnoloxía e das empresas españolas na Costa Oeste americana, e, tamén, ofrecer ás empresas e investidores un apoio á súa internacionalización dándolles a oportunidade de coñecer iniciativas líderes mundiais, participar en eventos de traballo en rede e nunha serie de actividades e eventos organizados “a medida das súas necesidades”, informa a organización (Adigital, ICEX, Grupo Santander e Red.es).
Por certo que as empresas que resulten seleccionadas deberán asumir un custo de 600 euros (máis IVE) que inclúe a axenda de grupo, os desprazamentos internos, as sesións formativas, eventos de intercambio de experiencias, entradas a eventos e o voo interno Seattle-San Francisco. O resto de gastos de viaxe e aloxamento non están incluídos, con todo, a organización facilitará de forma opcional un servizo de axencia de viaxes.
Aberta a convocatoria para participar na expedición das empresas estatais en Seatlle e Silicon Valley
Compartir Este Artigo
