Este venres a primeira hora abríronse na Coruña as portas dun evento que aborda e salienta algunhas das principais profesións sobre as que descansa o noso progreso vindeiro. Falamos da segunda edición do Congreso Ibérico de Enxeñeiros Novos Emprendedores, cuxa inauguración contou coa presenza do presidente da Xunta, o delegado do Goberno en Galicia, o conselleiro de Economía e o alcalde da Coruña. O evento desenvólvese ao longo de toda a xornada en Palexco e vén da man do do Colexio de Enxeñeiros de Camiños de Galicia e a Ordem dos Engenheiros do Norte de Portugal. Conta coa presenza duns 300 profesionais das distintas pólas da enxeñaría, unha parte importante dos cales están en relación directa coas TIC. O programa de relatorios inclúe intervencións de empresas do sector que nos ocupa, como por exemplo a galega Imatia e Tecnova. Tamén se está a falar, e moito, do proxecto Smart City Coruña.
Os obxectivos deste congreso son presentar proxectos emprendedores de éxito, impulsar a capacidade de innovación dos novos enxeñeiros e informarlles sobre os mecanismos de acceso ao mundo empresarial.
Na sesión de apertura participaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez; o alcalde da Coruña, Carlos Negreira; o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde; o presidente do Colexio de Enxeñeiros, Camiños, Canles e Portos de España, Juan Antonio Santamera; o decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia, Carlos Nárdiz; e o presidente do Conselho Directivo da Ordem dos Engenheiros de Portugal- Região Norte, Fernando Manuel de Almeida.
O programa continuou ás 10.25 horas, coa conferencia inaugural pronunciada por José María Arias Mosquera, presidente do Banco Pastor, e titulada Os enxeñeiros no novo mundo. A primeira mesa redonda da xornada deu comezo ao once e cuarto da mañá e centrouse na innovación como estratexia empresarial. Nela participaron Fernando Vázquez, director executivo de Imatia Innovation; César Lanza, director de Tecnova, Enxeñaría e Sistemas; e Óscar Sancristán, director tecnolóxico da Oficina Técnica de Coruña Smart City. Como moderador, actuou Juan José Fernández, decano do Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste.
Fernando Vázquez explicou como a súa firma, Imatia, con 50 empregados e sede en Vigo, logrou aumentar os seus ingresos nun 60%. Dixo: “A innovación non debe centrarse nun departamento, senón que ten que involucrar a toda a empresa. A través dela, nós ofrecemos un modelo híbrido entre produtos e servizos. Á fin e ao cabo, o que os clientes mercan son solucións aos seus problemas, e iso adoita requirir unha mestura de ambos”.
Pola súa banda, César Lanza lembrou que “a innovación supón a creación de valor a través de algo novo, sexa isto un produto, un proceso, un modelo de negocio… Mentres a investigación fainos máis sabios, e a invención convértenos en xenios, a innovación transforma a realidade existente para facernos máis ricos”.
Pechou este primeiro foro Óscar Sancristán, quen analizou o papel da plataforma Coruña Smart City como “impulsora do desenvolvemento da cidade”. Lembrouse ademais que se trata dunha iniciativa que ten como obxectivo específico modernizar desde a súa orixe a concepción de cidade que se ten hoxe en día, actualizando a relación dos cidadáns con infraestruturas, servizos e goberno local.
Tras estas intervencións, desenvolveuse a presentación de tres comunicacións libres relacionadas co tema deste primeiro bloque do congreso. Francisco Javier Prego falou sobre o proxecto SITEGI; Javier Cancela expuxo o seu traballo sobre agricultura de precisión, e Jacinto Parga disertou sobre Startups: innovación vs contratación pública.
A xornada continuou ás 12.40 horas, cunha mesa redonda que analizou o concepto de impulso empresarial. Os seus integrantes foron César Gallo, vicepresidente da Fundación Repsol; Antonio Couceiro, senior advisor de Norgestión; e Luís Baptista, de Business Development – Ndrive. Estiveron moderados por Pedro Calaza, decano do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia.
O II Congreso Ibérico de Enxeñeiros Novos Emprendedores renovarase ás 16.00 horas.
Empresas do sector TIC amosan a súa experiencia no Congreso de Enxeñeiros e Novos Emprendedores da Coruña
Compartir Este Artigo
