A práctica da fisioterapia modernízase ao mesmo tempo que avanzan as novas tecnoloxías. Porén, o coñecemento teórico avanza máis cá súa aplicación práctica. A razón disto? Basicamente hai que rastrexala nunha causa común a boa parte de disciplinas e eidos de investigación: a falta de orzamentos para adquirir aparellos idóneos que apliquen o coñecemento acumulado. Segundo nos conta a Universidade de Vigo reflectindo o traballo realizado polo equipo que coordina o profesor Gustavo Rodríguez, a devandita situación está a piques de cambiar de rumbo. E máis tendo en conta que este grupo desenvolve na actualizade un simulador informático que permitirá aos futuros fisioterapeutas enfrontarse a todas as decisións que deben tomar para aplicar a un paciente correntes eléctricas diante dunha pantalla de computador.
O proxecto en cuestión, no que tamén traballan a profesora Iris Machado e aos bolseiros Lorena Solla e Adrián Santasmarinas, estudantes de Fisioterapia e Comunicación Audiovisual, insírese na terceira convocatoria do programa para o desenvolvemento e implantación de accións de innovación educativa que impulsa a Vicerreitoría de Alumnado. Terá como resultado final un programa informático no que os estudantes poidan practicar no ordenador a elección dos diferentes parámetros que terían que seleccionar nestes aparellos, moi comúns nunha alta porcentaxe das clínicas actuais de fisioterapia. En definitiva, do que se trata é de dar forma a un simulador que axude aos alumnos, profesionais do futuro, na súa toma de decisións, un proceso de elección de camiños a seguir que, por outra banda, será continuo no seu labor cotián. O simulador en cuestión servirá de apoio en tarefas como a selección do tipo de electrodos a empregar, onde colocalos, a posición do paciente, o tipo de corrente que vai aplicar, a frecuencia e duración dos impulsos, o tempo do tratamento, etc.
Logo de meses de investigación, informa a UVigo, os membros do grupo materializaron o seu primeiro prototipo a nivel básico, a versión de estrea dun simulador ao que bautizaron co nome de e-Lectro Sim e que foi desenvolvido co software de código aberto e-Adventure, creado ao abeiro da Universidade Complutense de Madrid. O prototipo foi presentado na II Xornada de intercambio de experiencias dos Proxectos de Innovación Educativa (o 12 de marzo), e conta xa cun primeiro caso clínico con tres posibles obxectivos terapéuticos, “aos que se vinculan unha serie de pacientes con diferentes características, de tal xeito que a solución que se adapta ás necesidades dun caso non é válida para outro, aínda que padezan a mesma doenza”, informa a Uvigo.
O simulador, logo de achegar os camiños a seguir máis axeitados nun caso concreto, ofrecerá ao estudante un informe final que lle permita coñecer os seus posibles erros, informe ao que se pretende engadir nun futuro un vídeo explicativo de como se debería ter realizado o tratamento para ese caso específico.
Investigadores da UVigo desenvolven un simulador informático para favorecer o traballo dos fisioterapeutas
Compartir Este Artigo
