Este martes ás 19.00 horas temos unha cita en Vigo coa innovación máis avanzada. Ou sexa, con múltiples xeitos de abrirlle xanelas ao futuro ao noso sistema investigador e produtivo. Falamos do encontro InnoBar, unha actividade organizada por Gradiant e o Círculo de Empresarios de Galicia e que contará coa presenza de Fernando Jiménez, xerente do centro tecnolóxico. Dáse a circunstancia de que non só se falará de innovación, senón que tamén se fará innovación. De feito, a propia feitura do encontro (que se desenvolve coma unha mestura de networking, charla divulgativa e sesión de cañas) é un xeito de arredarse do convencional.
Segundo nos conta Gradiant, InnoBar é un instrumento para fuxir de clichés e de ideas preconcibidas sobre este tipo de charlas e encontros profesionais. De feito, din fontes do centro tecnolóxico, “algunhas das ideas máis innovadoras e produtivas do noso tempo non saíron dunha mesa de xuntas, senón da barra dun bar, o punto de encontro perfecto despois dunha longa xornada na oficina”. E engade: “O remate da xornada pode ser o intre ideal para aprender cousas distintas que nos permiten acadar ese punto de desconexión e lecer que nos resulta vital, aprender cousas que resultan máis transcendentais e renovadoras do que nos imaxinamos”.
Como dixemos, a cita é a partir das 19.00 horas na sede no Círculo, en García Barbón 62.
Gradiant e o Círculo de Empresarios xuntan innovación e cañas na cita deste martes: InnoBar
Compartir Este Artigo
