O pasado xoves 20 de marzo celebrouse unha nova sesión das Xuntanzas Debate do Clúster TIC Galicia na que participaron 15 empresas socias da plataforma. Na cita fíxose unha presentación de varias iniciativas que pon en marcha a asociación galega e tamén se fixo balance e valoración das actividades realizadas polo Clúster ata o de agora. Fran Rodríguez, secretario do Clúster TIC, presentou distintas accións que comezará a potenciar a plataforma, entre elas os selos de recoñecemento Empresa Tractora e de Proxectos Colaborativos Clúster, distintivos cos que se busca recoñecer a colaboración entre empresas e a subcontratación de grandes á pequenas empresas, eixos estratéxicos da asociación.
Igualmente, informa o Clúster, levouse a cabo a presentación de dúas medidas solicitadas polos socios encamiñadas a regular o procedemento de presentación de proxectos estratéxicos e de queixas ou suxestións do sector TIC. A finalidade da primeira medida é converter ao Clúster nun punto de encontro de ideas-proxectos que individualmente son complexos de executar. O papel do Clúster TIC Galicia será o de buscar a viabilidade da execución contribuíndo a maduración da idea, a busca de financiamento, a procura de socios, etc. A segunda medida vai encamiñada a establecer un sistema de recollida de queixas ou suxestións por parte dos socios, “co fin de que o Clúster poida buscar explicacións e solucións en tempo”, informan fontes da asociación.
Na xuntanza tamén se presentaron os tres proxectos Innoempresa que executará o Clúster TIC ao longo deste ano: un encamiñado á implantación da ferramenta Elastic Projects (software para a xestión de proxectos) e os outros dous dirixidos a implantación da factura electrónica e a certificación na norma UNE166.002.
Quince empresas do Clúster TIC participaron no debate sobre o presente e o futuro da asociación
Compartir Este Artigo
