A start-up galego-madrileña Aratech, adicada ao desenvolvemento de software, vén de anunciar a creación do seu primeiro grupo de debate aberto na rede profesional LinkedIn. Aratech -que como xa apuntabamos recentemente en Código Cero conta con sede de seu no Milladoiro, Ames– pretende atopar neste grupo de intercambio de ideas outra canle para contactar cos profesionais do sector.
O grupo en cuestión chega baixo o nome de Lifestyle Tech, e amósase como unha vía para compartir ideas entre profesionais do sector da tecnoloxía, tendo unha arela clara: achegarse aos usuarios de novas tecnoloxías e dos profesionais das mesmas co gallo de manterse sempre ao tanto das últimas novidades deste eido en constante evolución.
Emporiso, Lifestyle Tech é o nome que elixiu Aratech para concentrar aos usuarios que queiran pertencer a esta comunidade tecnolóxica. O nome do devandito grupo xorde do claim (“Lifestyle technology”) que posúe o logotipo da start-up, xa que era a maneira máis directa de amosar a mensaxe que querían lanzar desde Aratech: “O noso estilo de vida é a tecnoloxía”.
Dentro deste grupo xa se crearon diversos debates que suscitaron a opinión dalgúns usuarios de LinkedIn e dos propios membros do grupo. Os temas tratados, ata o de gora, foron: o “fracaso” de vendas do iPhone 5c (foi o máis comentado no debate), o uso de plataformas cloud e a wearable technology, aproveitando o espazo que a Aratech lle adicara a este tema no seu blog.
Aratech xa posúe grupo de debate na rede LinkedIn
Compartir Este Artigo
