O Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) vén de facer pública a resolución da licitación pola que confía a medio cento de entidades especializadas o labor de apoiar e facilitar a participación das empresas españolas no programa Horizonte2020, iniciativa europea para o financiamento de proxectos de I+D de diversos eidos temáticos na contorna europea (o orzamento é de case 80.000 millóns de euros para os vindeiros seis anos). Na dita resolución figura o centro tecnolóxico Gradiant.
O CDTI salienta na decisión a calidade dos servizos profesionais ofertados e os obxectivos de retornos propostos. As entidades foron seleccionadas de entre as 118 propostas recibidas. Segundo apuntan fontes do centro galego, “a capacidade de Gradiant para captar fondos europeos fica demostrada coa cifra de 2,9 millóns de euros de retorno directo do seu seis proxectos europeos no últimos catro anos”.
Gradiant tamén destaca, como argumento ao seu favor na dita determinación do CDTI, a súa experiencia amoreada grazas á súa participación en seis -dous deles como centro coordinador- proxectos europeos do sétimo Programa Marco. Agora, ao abeiro do programa Horizonte2020 identificará novas empresas e potenciais líderes dos que acompañarse nos seus vindeiros proxectos da iniciativa europea. Gradiant tamén poderá achegar a súa extensa rede internacional de contactos e a súa presenza privilexiada en foros e grupos de interese europeo
Para os responsables do centro tecnolóxico galego, o recoñecemento do CDTI “constitúe un recoñecemento á profesionalidade de Gradiant para mellorar significativamente a calidade das propostas que se presenten”. E engaden: “O asesoramento profesional de Gradiant fará aumentar as posibilidades de éxito das propostas -e por tanto o seu financiamento- de forma considerable”.
Gradiant, entre o medio cento de entidades que axudarán ás empresas no programa Horizonte2020
Compartir Este Artigo
