Televés recibía na mañá de onte a visita do comisario europeo de Política Rexional -Johannes Hahn- co gallo de coñecer de primeira man a liña flexible e robotizada de fabricación de antenas, unha infraestrutura de tecnoloxía avanzada que contou para o seu desenvolvemento e posta en marcha con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Na súa estadía na sede central da empresa -en Santiago de Compostela- o comisario foi recibido por Santiago Rey, director xeral da Corporación Televés, José Luís Fernández Carneiro, director xeral de Estratexia e Sergio Martín, responsable de Comunicación da compañía.
Emporiso, ao longo da visita, Santiago Rey salientou a importancia dos fondos FEDER para compañías como Televés, que se diferencian da súa competencia polo grao de investimento tecnolóxico-industrial. Nos últimos sete anos, estes fondos permitiron á empresa mobilizar preto de 50 millóns euros de investimento e desenvolver proxectos tan significativos como a liña robotizada de fabricación de antenas. Esta infraestrutura emprega medios técnicos únicos nesta clase de factorías, o que outorga a Televés unha diferenza estratéxica fronte aos seus competidores.
E indo á liña robotizada, dicir que se realiza a montaxe completa, ata a embalaxe e paletizado, de antenas como a DAT HD BOSS, un dispositivo revolucionario para a recepción do sinal da televisión dixital terrestre (TDT). A súa principal característica é a regulación automática do nivel do sinal de saída, garantindo así a máxima calidade de recepción mesmo en zonas con dificultades de cobertura.
No marco de FEDER Interconnecta, Televés tamén desenvolve proxectos de Tecnoloxías da Información aliñados coa estratexia europea Horizonte 2020. É o caso da Pasarela para o Fogar Dixital e o Edificio Intelixente, e dos Servizos do Fogar Asistencial e Teleprevención Sociosanitaria.
O comisario europeo de Política Rexional visita Televés para coñecer a súa fabricación robotizada de antenas
Compartir Este Artigo
