A semana pasada desenvolvéronse no campus de Ourense unhas xornadas sobre o uso educativo dos móbiles intelixentes: que cousas facer para tirarlles partido, que medidas pór en marcha para evitar que a utilidade no ensino se converta en desatención e, o que é máis grave, en simple e sinxela adición tecnolóxica. As xornadas centráronse nun tipo de aparello específico, o móbil intelixente (smartphone), por ser este o que máis presenza ten arestora nos adolescentes e na mocidade da nosa terra. Para os organizadores, é responsabilidade dos docentes tirarlles partido e contribuír a un emprego razoable e práctico dos mesmos. Poden axudar, din, a unha mellor transmisión dos contidos. Esta foi a idea, precisamente, da experta en TIC na educación, María Isabel Doval, que interveu na segunda e última sesión das III Xornadas A Historia no Medio: #hiperVínculos ás Aulas.
Estes encontros viñeron da man da Facultade de Historia do campus de Ourense coa colaboración da Delegación de Alumnos do centro e co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo. Os obxectivos foron amosar as posibilidades das novas tecnoloxías na aula a través de proxectos xa en marcha e asentar os alicerces de vindeiras iniciativas. Volvendo á intervención de Doval, dicir que o seu punto de vista foi basicamente optimista ante os novos aparellos e recursos, pero lembrando en todo intre que o potencial que lles saquemos depende unicamente de nós mesmos. Aí debe entrar en xogo, suxeriu, a divulgación, a sensibilización e a educación. “As TIC”, dixo, “estanse a converter nun elemento de cambio moi importante pero os móbiles e as tabletas non son boas ou malas de por si, todo depende do uso que se faga delas e aí é onde temos que incidir nós”. Para que se dea esa correcta introdución da tecnoloxía de última xeración nas aulas, explicou, “é necesario que os centros conten co equipamento preciso e sobre todo que se realice unha boa formación do usuario, tanto desde o punto de vista ético, como técnico como de actitudes”. Nestes momentos, sinalou, “a realidade é móbil, a xente quere acceder a todo tipo de contidos en calquera intre e desde calquera lugar e o teléfonos intelixentes son unha ferramenta fundamental para a aprendizaxe formal e non formal e para compartir coñecementos”. Ademais, co engadido de que son portas ao coñecemento e á comunicación que temos na palma da man, alí onde vaiamos. Ao seu xuízo, cómpre normalizar as boas prácticas no emprego destas tecnoloxías, e facelo xa, doutro xeito o uso educativo das TIC “estaría abocado ao fracaso”.
Segundo informa a Universidade de Vigo, “con esta segunda sesión, as III Xornadas A Historia no Medio: #hiperVínculos ás Aulas pecharon unha completa programación coa que os seus promotores quixeron expandir a idea do ensino nas aulas relacionado coas novas tecnoloxías pero tamén cos novos xeitos de levar a cabo proxectos que as vinculan coa cidadanía”.
Avogan en Ourense polo uso educativo dos smartphones, aínda que con formación de todo tipo, mesmo ética
Compartir Este Artigo
