A Deputación de Pontevedra inaugurou este martes a nova oficina da iniciativa CPAE 2.0 (Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0) no centro comarcal Exposalnés de Cambados, un espazo de asesoramento e aprendizaxe que se suma aos de Lalín e Ponteareas inaugurados a mediados do mes de marzo e a outros tres espazos espallados pola provincia pendentes de presentación oficial. A cita en Cambados contou coa presenza do presidente da Deputación, Rafael Louzán, que sinalou que o gran obxectivo das novas dependencias é “dar asesoramento tecnolóxico aos 9.800 autónomos e microempresas das comarcas de O Salnés e Caldas”.
Máis polo miúdo, lembrou que este labor de asesoramento centrarase en axudar ás empresas e traballadores por conta propia a tirar o máximo partido das TIC para mellorar a súa competitividade e produtividade. No acto de inauguración da nova oficina participou un bo número de empresarios, amais dos alcaldes das dúas devanditas comarcas.
A nova infraestrutura forma parte dunha rede de seis centros, dos que xa botaron a andar os de Lalín (que atenderá as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes), o de Ponteareas (para empresarios e autónomos de O Condado e A Paradanta), e O Porriño que, xunto coa oficina de Vigo, que se inaugurará proximamente, dará cobertura aos 33.000 autónomos e microempresas das comarcas de Vigo e Baixo Miño. A eles sumarase a de Cambados, inaugurada este martes, e máis a sede central, que se situará no Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra e que atenderá as comarcas e Pontevedra e O Morrazo, ademais de coordinar ás 5 oficinas restantes.
Segundo se fixo saber, o CPAE 2.0 de Cambados estará atendido dende xa por dous técnicos especializados que responderán a tódalas dúbidas dos usuarios en materia dixital e de comunicación. O horario da oficina será amplo de abondo, e ademais, “para facer máis doado o acceso a este asesoramento especializado”, as consultas poderán facerse de forma presencial, por teléfono ou a través da Rede (correo electrónico, dispositivos móbiles). Dende estas dependencias, ofertaranse actividades formativas e de apoio e orientación personalizada para a implantación das ferramentas informáticas que mellor se adapten ás necesidades de cada empresa e negocio. Ao fío disto, Louzán salientou “a aposta que a Deputación está a facer para romper a brecha dixital e estender o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación a todos os ámbitos e a todas as áreas da provincia, dado que na actualidade é difícil competir sen a innovación nin a tecnoloxía”.
Como dixemos, a finalidade do Centro de Asesoramento Empresarial en novas Tecnoloxías non é outra que difundir e achegar as vantaxes das TIC entre autónomos e microPEME da provincia, centrando a atención de maneira especial naquelas de cinco ou menos empregados, que, segundo se informou no acto celebrado en Cambados, “constitúen o 92% do tecido produtivo da provincia e que, ademais, son as que máis dificultades teñen para incorporar as novas tecnoloxías”.
Por certo que no transcurso da presentación, o presidente da Deputación animou aos empresarios a facer uso deste servizo, que aspira a converterse “nun centro de referencia” para a promoción das novas tecnoloxías como chave da innovación nas empresas. “Nesta oficina”, dixo, “poderase atopar resposta a preguntas como a mellor maneira de aforrar nas comunicacións da empresa; como xestionar un negocio en liña; como controlar o stock da empresa desde un dispositivo móbil; como pór en marcha plataformas de comercialización a través da Rede ou que ferramentas de xestión que lle poden ser de utilidade, entre outras moitas”.
Lembrar que o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 conta cun orzamento de 1,6 millóns de euros, dos cales o 80% procede dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional, e incluirá, ademais das anteditas oficinas, un centro de comercio virtual orientado a mellorar a comercialización dos produtos das distintas empresas da provincia.
O presidente da Deputación salientou na cita en Cambados “o éxito que están a ter as tres oficinas xa activas, tal e como demostra o feito de que en menos de 15 días de funcionamento 125 empresas solicitasen asesoramento personalizado e a través do portal web cpae20.depo.es, e que 90 se rexistrasen no centro”. Tamén lembrou que esta iniciativa forma parte dun programa máis amplo para o fomento das TIC, no que se inclúen cousas como o proxecto Repoblar, que facilita o acceso a Internet de calidade a máis de 3.500 fogares das comarcas do Salnés e de Caldas; LIFE+ Viñas Atlánticas, proxecto de viticultura intelixente do que se benefician 1.069 viticultores ou Smart Destination, no que se está a traballar para facer da provincia de Pontevedra “un destino turístico intelixente, que sexa quen de manter no tempo relacións cos turistas actuais e capte novos visitantes, así como para mellorar a capacidade de prestar servizos aos visitantes por parte das pequenas empresas do sector turístico de Pontevedra”.
A Deputación de Pontevedra abre oficialmente a súa oficina CPAE 2.0 en Cambados
Compartir Este Artigo
