A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) vén de convocar a cuarta edición do Curso Superior de Administración Electrónica, que conta coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Esta acción formativa estará dirixida polo presidente da plataforma de informáticos, Fernando Suárez, e fornece un total de 50 prazas e 114 horas de ensino, das que 84 serán teóricas e 30 prácticas. O obxectivo do curso é abordar unha perspectiva técnico-xurídica para amosar o miolo da Administración Electrónica, os métodos máis axeitados para acadala e as principais vantaxes que achegarían ás nosas administracións.
A formación estrutúrase en tres módulos. O primeiro deles abrangue os fundamentos das tecnoloxías e sistemas de información (29 horas); o segundo, a Informática e o Dereito (28 horas); e, finalmente, o terceiro ocúpase da Administración Electrónica, con 57 horas de duración. Os destinatarios do curso son empregados públicos das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, e das universidades galegas, así como persoal contratado polas administracións públicas e os profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico.
Ao abeiro do acordo existente entre o colexio e a EGAP, os colexiados e colexiadas obteñen un prezo especial na matrícula de 350€, fronte aos 500 euros que deben pagar aqueles alumnos non funcionarios. As persoas interesadas poden inscribirse a través da instancia que figura na páxina web da EGAP. O curso realizarase na sede da EGAP, en Santiago de Compostela, desde o mes de abril ao de xullo. As clases prácticas terán lugar preferentemente os luns e mércores.
O CPEIG dirixe o novo curso sobre eAdministración que convoca a Escola de Administración Pública
Compartir Este Artigo
