
Na apertura da xornada, que se enmarca nos cinco anos de participación de Galiciana en Europeana, o grande portal de acceso ao patrimonio cultural europeo dixitalizado, participaron a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou “o labor levado a cabo pola Consellería neste proxecto para difundir, conservar e favorecer o acceso ao patrimonio bibliográfico galego”.
Para reflexionar sobre os novos retos da participación de Galiciana en Europeana e para afondar no achegamento a proxectos desenvolvidos por outras institucións, a xornada contou coas intervencións de Daniel Buján e Noelia Bascuas, xefe de servizo e técnica de bibliotecas da Biblioteca de Galicia, respectivamente, que abordaron os antecedentes de Galiciana e o desenvolvemento do proxecto nos seus cinco anos de andaina.
Tamén interveu a responsable de Hispana, María Luisa Martínez-Conde, que explicou os procesos de dixitalización impulsados durante os últimos anos pola Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria do Ministerio de Cultura e Educación. A encargada de analizar a participación española en Europeana, a través das súas distintas coleccións e repositorios dixitais, foi Francisca Hernández, consultora de Digibis Producciones Digitales, mentres que o subdirector de Tecnoloxía e Innovación Bibliotecaria da Universidade Complutense de Madrid repasou a participación deste centro no proxecto Europeana Libraries, xunto con outras 18 bibliotecas universitaria e de investigación de 12 países europeos.
Finalmente, a xornada contou coas intervencións de Antonio Varela e Miguel Pereira, xefe dos servizos de Novas Tecnoloxías e de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, respectivamente, que abordaron a actividade de dixitalización desenvolvida pola institución provincial e que pretende a integración dos seus arquivos, das súas bibliotecas e dos seus museos.
Unha xornada aborda os retos da Biblioteca Dixital de Galicia
Compartir Este Artigo
