Do proxecto Coruña Smart City temos falado en diversas ocasións, da participación de Gradiant achegando a súa experiencia na Internet das cousas, ou do recoñecemento fornecido polo CPEIG hai aproximadamente dous anos. Agora, toca falar de novo da iniciativa porque semella que deixamos atrás a fase previa aos acontecementos visibles. Ou sexa, que todo apunta a que os responsables de Coruña Smart City están a levar o proxecto cara ao plano das realidades. De feito, estes mesmos días iniciáronse as probas de conexión entre os sensores da cidade e a plataforma urbana. Lembremos que a iniciativa vén da man do Goberno local e un consorcio integrado por R, Indra, Altia e Iiux.
Como avanzamos, este mesmo xoves os impulsores do programa amosaron as pasarelas (gateways) que facilitarán a comunicación dos sensores e captadores de información do cerebro da cidade. A isto, engadiron, haberá que sumar a instalación os vindeiros días dos primeiros dispositivos a modo de test en varios parques e edificios públicos da cidade. Estas manobras, explican, constitúen “o primeiro gran fito tanxible do proxecto de cidade intelixente”.
Acerca dos devanditos dispositivos, deseñados e desenvolvidos polo operador galego R, destacan polo “seu alto contido innovador e pola súa capacidade para integrar tecnoloxías de distintos fabricantes”. Ademais, engade o consorcio, permitirán conectar os sensores e outros elementos de captación de información na cidade coa plataforma urbana de Coruña Smart City, que é o gran cerebro da cidade.
En total, para o proxecto Coruña Smart City fabricaranse 415 pasarelas que se conectarán coa plataforma a través da rede de alta velocidade por fibra óptica de R. A nivel práctico, estes dispositivos captarán a información da rúa. Para facernos unha idea disto, os responsables do programa informan que as prazas libres de aparcadoiro (cando o piloto de aparcamento intelixente estea en marcha) serán quen de achegar esta información de dispoñibilidade ao cerebro da cidade e logo estes datos enviarase á aplicación específica do aparcamento intelixente.
Os impulsores de Coruña Smart City tamén informan que as pasarelas concibíronse dende a súa orixe como “dispositivos de moi baixo consumo, o que permite a súa alimentación a través de baterías ou paneis solares”. Ademais, engaden, “son modulares e están preparados para conectarse a todo tipo de redes e protocolos e adaptarse a contornas diferentes en función da súa localización, tanto en interiores como en exteriores, e que poden ser parques, fachadas ou semáforos, entre outros”.
Lembrar tamén que a plataforma urbana conta con infraestrutura precisa para comezar a recibir datos de todo tipo (tráfico, acontecementos sociais ou culturais, etc) e para que as empresas que vaian desenvolver os 14 pilotos previstos poidan conectarse desde o inicio para integrar as súas solucións. Na actualidade licitáronse 10 dos 14 proxectos piloto que actuarán nos diferentes ámbitos da cidade. Entre eles, atópanse en proceso de adxudicación: o Sistema de Rega Intelixente, Sistema de Información sobre Eventos, Eficiencia Enerxética en Edificios Públicos, Visitas Guiadas, Sistema de Calidade e Control de Aire e Ruído e Administración Electrónica.
Para os responsables do proxecto galego, o gran obxectivo deste gran cerebro é servir de alicerce para a xestión e integración de todos os servizos e solucións intelixentes que conforman o ecosistema dunha urbe coma a coruñesa en ámbitos como o medio ambiente, a enerxía, a mobilidade urbana, a sanidade, a seguridade, o lecer e o turismo e a eAdministración. Trátase pois dun “centro xestión intelixente” que permite que os sistemas intercambien coñecemento para fornecer “unha visión completa da actividade”.
Coruña Smart City dá comezo ás probas de conexións entre os sensores da cidade e a plataforma urbana
Compartir Este Artigo
