
Segundo informa a Fundación Telefónica, a elección do proxecto de Eva Fernández bríndalle “a oportunidade de transformar e mellorar a idea orixinaria de O teu horto desde cero”, unha aplicación móbil, que, a modo de guía, ofrece asesoramento sobre como crear, manter e coidar unha leira con plantíos, co obxectivo de convertela nun proxecto de éxito. Para iso, contará cun financiamento de ata 3.000 euros e un prazo de seis meses, no que disporá tamén da orientación dun mentor especializado de Telefónica que a guiará no desenvolvemento do proxecto. Para Telefónica, é importante salientar que Fernández accedeu á terceira fase de Think Big ao ser galardoada cunha das súas bolsas de ata 400 euros, tras situarse con esta aplicación entre o oito gañadores da primeira edición dos Premios APPS Fundación Telefónica, fallados o pasado mes de xaneiro e no que se elixiron as mellores aplicacións móbiles creadas por mozas de entre 18 e 25 anos, en Firefox OS.
Lembrar que Think Big é un proxecto de emprendemento social liderado por Fundación Telefónica, en colaboración con Movistar. Ofrece a mozos de entre 15 e 26 anos, a oportunidade de transformar unha idea propia e que busca un cambio positivo na comunidade, nun proxecto de éxito. A experiencia, dirixida a fomentar o espírito de creatividade con vistas ao mercado e as habilidades dixitais dos participantes, cumpriu xa dúas edicións nas que se presentaron máis de 2.000 ideas.
Presenza galega entre os mellores proxectos de emprendemento social seleccionados por Telefónica
Compartir Este Artigo
