A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) puxo en marcha esta pasada fin de semana a súa nova web, amtega.xunta.es, un espazo cuxas principais novidades comparten o nexo común de dar mellor servizo e máis posibilidades de participación á cidadanía. O novo portal, en palabras da axencia “máis intuitivo, atractivo e innovador”, mantén o obxectivo de ser “a canle de referencia para a comunicación, divulgación e promoción das diversas actividades que se realizan desde a Xunta de Galicia en materia de Sociedade da Información”.
Segundo engade AMTEGA, o piar básico da proposta é achegar un recurso que sexa o máis sinxelo e ben artellado posible. Con este obxectivo, dispúxose toda a información por colectivos ou por temas. O acceso a través dos colectivos conta con tres grandes grupos, cidadáns, empresas e administracións públicas, nos que se integra a información que pode ser de interese para cada un deles. “Deste xeito”, explica a AMTEGA, “os usuarios poden acceder a través dunha única ligazón aos datos e servizos relacionados co seu perfil e que doutro xeito esixirían máis tempo e esforzo”. O resultado é que se aforra tempo e evítase a busca da información por departamentos, apunta a axencia que dirixe Mar Pereira.
Pola súa banda, a información agrupada por temas aglutina nove áreas, Administracións Públicas, Ensino e Formación, Economía, Empresa e Emprego, Sanidade e Servizos Sociais, Xustiza, Xuventude, Cultura e Ocio, Telecomunicacións, Mar e Medio Rural e Territorio, Vivenda e Transporte. Cada unha delas integra a información sobre as iniciativas tecnolóxicas máis destacadas que a Administración está a desenvolver nese ámbito.
Pero hai máis novidades, como por exemplo AMTEGA Destaca! ou Servizos TIC (dous novos apartados para que os usuarios accedan de xeito rápido aos últimos documentos ou temas de interese publicados así como ás aplicacións e servizos TIC que teñen a súa disposición) ou ben o blog Xente Dixital, que é unha iniciativa posta en marcha en xuño para achegar as vantaxes TIC á sociedade galega de “xeito ameno en sinxelo”. E engade AMTEGA: “Tamén ocupan un lugar destacado as redes sociais, de xeito que están máis accesibles os últimos tweets publicados e as novidades en Facebook Flickr, YouTube e Issuu”.
Por outra banda, a axencia tamén salienta que o novo portal emprega máis infografías que facilitan a lectura e comprensión de informes, datos e estatísticas; e aposta tamén por botar man de máis contidos en vídeo e ampliar as páxinas nas que está dispoñible a opción de compartir información nas redes sociais, “o que permite unha maior interactividade cos usuarios”, engaden fontes da axencia.
Lembrar por último que portal da AMTEGA comezou a súa andaina en 2009 como a web iMIT. En 2013 a web recibiu O 143.064 visitas e actualmente conta con preto de 1.900 seareiros en Facebook e 2.300 en Twitter. Nas vindeiras semanas a axencia disporá tamén dun perfil propio na rede Linkedin, unha canle de uso profesional para facilitar as relacións cos profesionais e o sector TIC.
AMTEGA presenta o seu novo portal
Compartir Este Artigo
