Esta fin de semana presentouse no Pazo de Rubiáns (Vilagarcía) a plataforma empresarial Visit Arousa, unha iniciativa que como o seu propio nome indica, diríxese maioritariamente a atraer turismo á comarca de Vilagarcía e a súa contorna, o que comunmente se coñece como O Salnés. Na presentación tamén se deu a coñecer unha das ferramentas principais deste novo labor de promoción de Arousa e comarca: a páxina web visitarousa.com, arestora en desenvolvemento e cuxa data de activación está prevista para dentro de dez días.
Na posta en longo de Visit Arousa participaron (entre outros) o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; Tomás Fole, o alcalde de Vilagarcía de Arousa; Ruth González, xefa de Turismo Rías Baixas; e o regatista olímpico, Antón Paz.
A agrupación empresarial ten como obxectivo amosar O Salnés “como referencia de destino turístico de calidade da comarca”. Como dixemos, este labor acompañarase dun portal web dirixido a promover produtos, servizos, actividades culturais, rutas e atractivos turísticos dos membros da entidade. Ademais, a plataforma dixital fará fincapé na sinerxía, a unión profesional e a colaboración, entre as empresas e os membros colaboradores; establecendo un calendario de actuacións; e ofertando actividades que poñan en valor os recursos turísticos da zona.
A plataforma, constituída por dez empresas da comarca (Pazo de Rubiáns, Adega Eidos, Bodegas Mar de Frades, Quinta de San Amaro, Gran Hotel da Toxa, Piragüilla Turismo Activo, Amare Turismo Náutico, Marina Vilagarcía, Arrullos del agua e Tee Travel) converterase nunha unidade de apoio actualizada con información sobre os seus membros seleccionados.
Empresas de Arousa unen forzas para promover na Rede o potencial turístico da comarca
Compartir Este Artigo
