A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela abordará a vindeira semana un curso de segmentación de públicos e posicionamento de produto 2.0. Amais disto, organizará un seminario de adestramento empresarial e profesional (coaching). Porén, isto non é todo, posto que a cámara compostelá tamén prepara un obradoiro sobre técnicas de comunicación o martes 29 de abril. O curso Segmentación de públicos e posicionamento de produto 2.0 celebrarase do 21 ao 25 de abril, en horario de 19:00 a 22:00 horas, no centro de formación da entidade.
Segundo sinalan os organizadores, “esta actividade formativa está indicada para que as empresas aprendan a situar e segmentar os seus produtos de maneira axeitada no mercado para poñer de relevo as oportunidade de negocio existentes, establecer prioridades, analizar a competencia e axustarse ás necesidades dos usuarios”.
Estará impartido polo doutor en Ciencias da Comunicación e director de Instituto de Medios Sociais, José Sixto, quen avanza respecto dos contidos a achegar que no mercado actual, moi competitivo e impregnado de novos espazos virtuais, “non abonda con lanzar os produtos nun mercado físico senón que tamén é preciso facelo nos mercados de Internet”. Ao fío disto, o curso pretende proporcionar aos asistentes técnicas e habilidades para realizar un bo posicionamento do produto no novos contornos 2.0. Estes espazos, apunta a Cámara de Comercio, “posibilitan identificar novos nichos de mercado a través das redes sociais, blogs, Google e calquera outra comunidade interactiva”. A xuízo dos organizadores do curso, é imprescindible para os profesionais de hoxe en día, sexan do sector que sexan, levar a cabo campañas en liña para amosar ao mundo os seus produtos ou servizos, tendo en conta isto é tamén imprescindible saber como facelo, en que webs ou redes actuar, cando e por canto tempo.
O curso está dirixido a cargos directivos e responsables de organizacións, xestores e administradores de PEME, responsables de recursos humanos, directivos de comunicación e mercadotecnia, autónomos ou emprendedores interesados nesta temática. Empregarase unha metodoloxía con supostos prácticos.
Como dixemos ao comezo, a Cámara de Comercio tamén prepara un seminario de adestramento, Coaching, fixación de obxectivos e plan de acción, para o día 23 de abril, en horario de 18:00 a 22:00 horas. Estará impartido pola adestradora certificada, experta en talento e reorientación laboral e en comercio exterior, Aïnhoa Mallo. A finalidade do seminario é que os participantes melloren as súas habilidades persoais e profesionais para acadar as súas metas. Empregaranse ferramentas de coaching e programación neurolingüística.
Por outra banda, a entidade cameral programou para o martes, día 29, o Seminario de técnicas de comunicación: aprender a comunicar para ser efectivos. Aïnhoa Mallo impartirá o obradoiro, que se celebrará no centro de formación entre as 18:00 e as 22:00 horas. A acción formativa pretende “ofrecer recursos para unha exposición oral eficaz tratada desde o seu aspecto escénico, identificar os hábitos que interfiren na comunicación, potenciar o estilo persoal para lograr maior impacto e controlar o medo á exposición e o manexo da espontaneidade”.
A Cámara de Comercio de Santiago amosa as técnicas para promover produtos na Rede
Compartir Este Artigo
