A computación na nube é o abeiro comercial baixo o que se acubillan múltiples tecnoloxías e servizos que nos axudan a liberar procedementos no noso día a día profesional e empresarial, cousas como a propia computación ou o rexistro de información. Isto non só permite máis marxe de manobra para dedicarnos ao miolo da nosa iniciativa (deixando que sexan outros os que carreten a parte TIC) senón tamén máis eficacia. De feito, a través da nube é como se tirásemos abaixo os tabiques da nosa empresa para ter un despacho ubicuo e dispoñible en todas partes. Con todo, malia as moitas vantaxes da nube, fai falta máis e mellor seguridade. Así nolo contan dende o centro tecnolóxico Gradiant, que estes días está a desvelar detalles sobre Criptonube.
Criptonube é unha iniciativa de Gradiant e a Fundación Barrié para dar forma a unha serie de ferramentas que permitan manter a privacidade e a seguridade do procesamento de datos na nube. Dar coas fórmulas que aseguren un bo uso dos servizos cloud semella unha tarefa que non se pode deixar de lado, e máis tendo en conta o moito que medra cloud. Segundo informa o investigador Roco Escalera, a nube está sendo acollida rapidamente por moitas empresas debido ás vantaxes que supón: software nun único emprazamento (é máis doado de actualizar e permite acceder dende calquera lugar e dispositivo), prezo por uso (afórranse custes de equipamento, programas e mantemento) e ampla marxe de adaptación (escalabilidade) ás novas necesidades que poidan xurdir.
Por outra banda, o investigador de Gradiant lembra que a día de hoxe hai un interesante debate acerca do que supón este novo paradigma en termos de seguridade. No caso de computación nunha nube propia (cloud in-house), estariamos centralizando a nosa información facéndoa accesible por Internet, co que temos entre mans unha vulnerabilidade en potencia. No caso dunha nube externa, do que se trata é de migrar datos e aplicacións das nosas contornas locais cara a contornas controladas por outros, polo que entra en xogo “o problema engadido da desconfianza”.
Co fin de achegar métodos e recursos que poñan remedio a estes problemas, Gradiant e a Fundación Barrié están a desenvolver o proxecto Criptonube, que ten unha web de seu onde podemos obter todo tipo de información sobre as metodoloxías a pór en xogo e os obxectivos a perseguir. Máis en detalle, Criptobune introduce Hardware Secure Modules (HSM) na infraestrutura da nube, de xeito que as operacións con datos sensibles lévanse a cabo en contornas fisicamente seguras, con máis alta certificación de privacidade e garantindo que estes datos foron procesados nunha contorna inaccesible para persoas alleas ou ameazas potenciais, xa sexan externos ou internos ao provedor do servizo.
Gradiant achega recursos para acadar contornas cloud máis seguras e fiables
Compartir Este Artigo
