
Como dixemos, a sala común desta nova construción en liña é a propia páxina web do centro ourensán, entrada e eixe para as demais webs presentadas. Trátase, segundo se fixo saber na presentación, “dunha nova fiestra aberta para que os membros da comunidade universitaria e a sociedade en xeral coñeza o centro e as súas titulacións”. Coa súa remodelación prétendese basicamente mellorar a accesibilidade, optimizar a estruturación da información, actualizar e ampliar os contidos, mellorar a imaxe institucional, gañar en transparencia e axustarse ás recomendacións da ACSUG nos informes anuais dos títulos do centro, atendendo aos criterios de calidade esixidos.
Xa nun plano máis concreto e referíndonos ao miolo da páxina, ofrécenos información sobre o equipo de goberno, as titulacións, o alumnado, o profesorado, a actividade en I+D+i, a actualidade do centro e os datos de contacto. Os responsables desta nova ferramenta salientaron de entre os contidos que acubilla a inclusión dos espazos de I+D+i, que serán por unha banda un xeito de amosar ao mundo o traballo dos investigadores da facultade e pola outra unha maneira de impulsar o seu labor. Detrás destes traballos de remodelación, disposición e deseño atópase a empresa Ideit.
A Facultade de Dereito de Ourense presenta as súas novas xanelas en liña
Compartir Este Artigo
