Aproveitando o rebumbio creado polo achado dos cartuchos de E.T. para Atari 2600 atopados no deserto de Novo México, Microsoft desvela o que será a súa proposta audiovisual para Xbox 360, Xbox One e outros dispositivos de Microsoft, que responderá ao nome de Xbox Originals, e que contará cunha serie de documentais e series de televisión desenvolvidos por Xbox Entertainment Studios en colaboración con outras compañías entre as que non faltan grandes talentos de Hollywood.
Polo momento xa hai varios proxectos completados, que verán a luz en poucos meses, como son a serie de televisión de Halo (producida por Steven Spielberg, para o que 343 Industries e Amblin Television uniron forzas), a serie futbolística Every Street United (formada por 8 episodios de media hora aos que seguirá un episodio final de unha hora que se emitirá coincidindo con Mundial de Fútbol de Rio de Janeiro), a retransmisión do festival Bonnaroo, a serie de documentais Signal to Noise (na que se incluirá a mencionada peza sobre a escavación que levou ás copias soterradas de E.T.), o drama británico Humans e unha peza independente baseada en Halo que contará David Zucker e Ridley Scott como produtores executivos, e que estará dirixida por Sergio Mimica-Gezzan (Battlestar Galactica).
Aparte destas producións tamén está previsto que vexan a luz outros proxectos como Deadlands (baseado nun xogo de rol do mesmo nome), Extraordinary Believers (obra de animación stop-motion dos creadores de Robot Chicken), Fearless (serie australiana na que se está a traballar actualmente no seu piloto), Gun Machine (thriller baseado nunha obra de Warren Ellis), Winterworld (serie de acción real baseada na banda deseñada do mesmo título) e unha comedia na que participaría o colectivo JASH.
Microsoft anuncia as súas producións audiovisuais en curso
Compartir Este Artigo
