A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) adxudicou o contrato para o desenvolvemento da Plataforma Galega de Información Ambiental, GAIA, acción co financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2007-2013, tal como se recolle na resolución publicada na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.
A plataforma galega de información ambiental constituirá o punto único de acceso para as empresas do sector: xestores, produtores e transportistas de residuos, consultoras ambientais, organismos de control, etc. Entidades públicas e privadas cumprirán as súas obrigas ambientais por medio de GAIA que, á súa vez, disporá de capacidades de interconexión e comunicación con outros sistemas de información ambiental tanto no ámbito autonómico como estatal ou europeo.
O contrato de desenvolvemento adxudicado supón un importante paso en materia ambiental para a Xunta de Galicia. GAIA centralizará os procedementos administrativos en materia de medio, favorecendo a comunicación entre as empresas afectadas pola regulación ambiental e o Goberno Autonómico. Entre os procedementos que se porán a disposición do sector están os relacionados co control da xestión de residuos (traslados de residuos, arquivo cronolóxico, memorias anuais ou estudos de minimización) ou a tramitación electrónica de comunicacións e autorizacións segundo a Lei 22/2011 de Residuos e Solos Contaminados.
A empresa adxudicataria do servizo é Teimas Desenvolvemento, S.L., compañía dos sector TIC especializada no desenvolvemento de servizos e solucións software para empresas produtoras, xestoras e transportistas de residuos, por ser a que presentou a proposta máis adaptada aos requisitos económicos e técnicos da licitación, formulada mediante procedemento aberto. O prazo de execución do proxecto é de 18 meses.
A empresa compostelá Teimas desenvolverá a plataforma de información ambiental da Xunta
Compartir Este Artigo
