Unha boa parte da nosa mocidade está a sufrir claras ameazas por mor dun mal uso das redes e os dispositivos. Esta é unha das realidades nas que se apoia a xornada O uso responsable de Internet e as novas tecnoloxías entre os adolescentes, que se desenvolve ao longo deste martes (mañá e tarde) na Cidade da Cultura da Santiago, organizada polo Valedor do Pobo, a USC, AMTEGA e a máis a Consellería de Cultura e Educación. O evento, ao que asisten máis de 400 persoas (educadores, coordinadores dos centros, profesionais das TIC), é o primeiro que se celebra no Estado con tal nivel de especificidade na cuestión das adicións tecnolóxicas, e conta con expertos de referencia a nivel español e europeo. Por exemplo Maialen Garmendia, profesora do Departamento de Socioloxía e Traballado Social da Universidade de Euskadi e directora do equipo da iniciativa europea EuKids On Line en España, cuxas liñas principais de actividade presentou en detalle.
Para comezar, expuxo unha serie de realidades que lonxe de aminorar a súa influencia nos tempos vindeiros, case con toda probabilidade incrementaranse. Por exemplo: que os nenos acceden cada vez máis novos a Internet, ou que os accesos ás redes de sociais e canles de contidos lévanse a cabo dende máis dispositivos e con meirande facilidade. Estes, entre outros, son en parte os alicerces da iniciativa europea que dirixe, un programa no que participan 25 países e que incluíu 25.000 enquisas a nenas e nenos da contorna europea, facendo fincapé no eido dos fogares, para saber a ciencia certa en que medida se está a cruzar a raia do uso normal e enriquecedor das TIC (fonte da vantaxes) para metérmonos xa nun uso problemático ou patolóxico (que provoca adiccións e síntomas semellantes aos da ludopatía e determinadas substancias estupefacientes).
O resultado destes estudos de EuroKids On Line guindou datos a ter en conta, moitos deles preocupantes (a porcentaxe de cativos enganchados a un mal uso das TIC non para de medrar, e non hai grandes diferenzas entre uns países e outros, incluída a nosa terra), ao tempo que se identificaron os principais riscos: pornografía (20%), contacto con descoñecidos (14%), sexting (15%), contidos prexudiciais (15%) ou racismo (10%). A partir de aí, o proxecto dedícase sobre todo a cultivar e fomentar a capacidade dos menores para afrontar situacións de risco e fortalecer a súa resistencia. Ao fío disto, EuKids On Line é a todas luces un programa formativo, divulgador e de adestramento, apoiando a súa actividade no feito incontestable de que estamos ante un problema basicamente docente e de aprendizaxe. En definitiva, do que se trata non é de eliminar o risco, senón de amosar como evitalo. De feito, sinalou Maialen, que exista perigo non quere dicir que teña que existir dano. A solución, sinalou, pasa unha vez máis aprendizaxe.
Para a investigadora, resulta clave á hora de amañar o problema crear redes de apoio. Ou sexa, combater a cuestión con conceptos semellantes á cuestión. Falou de redes de compañeiros (irmáns, curmáns, amigos) que sexan fonte de información e de correcta divulgación e tamén falou do respaldo achegado por nais, pais e docentes, “un papel fundamental de apoio”, sendo importante ceibar a mediación dos adultos de todo tipo de ideas preconcibidas (control, curiosidade, discurso alarmista que provoca rexeitamento). Asemade, avogou pola importancia de recuperar a escola como recurso reparador de conflitos e patoloxías.
Até 400 persoas participan na xornada sobre uso responsable da Rede entre menores
Compartir Este Artigo
