Este luns formalizáronse oficialmente os contratos para as sete empresas que van comezar os seus negocios nas instalacións do viveiro de Porto de Molle, unha iniciativa emprazada en Nigrán e impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo. En total, 29 persoas serán as primeiras en ocupar os espazos deste acubillo innovador, situado no segundo e o terceiro andar do Centro de Negocios. Alí terán ao alcance da man un “espazo axeitado para o comezo da súa andaina, amais de apoios de formación e asesoramento para que o seu negocio prospere”, informa a Zona Franca, que engade que estamos a falar de iniciativas do máis variado, pero sempre co nexo común do innovador e do tecnolóxico.
Máis polo miúdo, as súas actividades abranguen cuestións como a consultoría de telecomunicacións especializada en sistemas de predición de clima e de pragas para adegas e viñedos; servizos técnicos de enxeñaría e asesoramento en termos de produtividade e calidade; importación e exportación de mercadorías; servizos xurídicos en materia de urbanismo; servizos técnicos de arquitectura, urbanismo e enerxías renovables e o asesoramento a empresas do sector aeronáutico, naval, pesqueiro, de automoción, téxtil e farmacéutico en solucións tecnolóxicas e innovadoras.
Por certo que está previsto que en breve se asinen outro oito novos contratos a empresas emprendedoras. Lembrar que o consorcio puxo en marcha este viveiro mellorando o modelo que desde o ano 2003 xa ten en funcionamento no polígono da Granxa, no Porriño. Este novo viveiro terá “que facilitar a xestación de novas ideas e ser quen de identificar as novas oportunidades de mercado, axudar aos emprendedores para explotar esas oportunidades, pór en contacto aos emprendedores con proxectos institucionais ou doutros empresarios e difundir a cultura emprendedora no territorio para que aquí crense e consoliden novas empresas”, sinala a Zona Franca.
Trinta persoas comezan esta semana a súa andaina empresarial no viveiro do Molle
Compartir Este Artigo
